Bretoña na Idade Moderna

Xeneralidades. A relativa bonanza de Bretoña a comezos do século XVI reflíctese en que varios veciños litigaron preitos sobre fidalguía, resolvéndose favorablemente alomenos dous (para Pedro Fernández de Porto de Pedre e Esteban de Ramallal) en 1511. Desta época data a construción da ermida de Santiago en Castiñeira-Seselle, quizáis a máis antiga das que seguen en funcionamento. Así mesmo, a partir do século XVII, os locais fundarán numerosas irmandades de reivindicación católica fronte ao crecente pulo do protestantismo, tales como a do Rosario, a do Santísimo Sacramento, a da Soledad y Entierro de Cristo ou a dos Servitas.

Demografía Polo Catastro do Marqués da Ensenada sabemos que en 1753 había un total de 1023 veciños repartidos en 235 casas. Desarticulada a provincia de Mondoñedo en 1833, co Real Decreto de 1835, Bretoña constituíuse en concello con seis parroquias (Bretoña, Cadavedo, Úbeda, Vián, Reigosa e A Aguarda), pero tan só cinco anos despois pasaría, xunto con outras parroquias ata entón dependentes de Vilanova, Meira e Mondoñedo, a reunirse administrativamente na Pastoriza. Por estas datas, nas que comezan a construírse algunhas das características «Casas Grandes» rurais que chegan aos nosos días, o Diccionario de Madoz (1850) reporta que en Bretoña habitaban 1100 almas repartidas nunhas 200 vivendas. A finais do século XIX, a poboación ascendera a aproximadamente 1.700 habitantes.

Migracións relixiosas. O descubrimento e colonización de América levou a algúns bretoñeses a embarcarse cara o novo mundo e exercer a administración e evanxelización das súas xentes de maneira homóloga a como fixeran Mailoc e os bretóns nestas terras mil anos antes. Tal foi o caso do bretoñés Cosme Martínez de la Vega, procurador de Riobamba (Ecuador) cara o ano 1696, e pretendente a familiar do Tribunal da Inquisición de Lima (Perú) no 1699. E tamén foi o caso do descendente de bretoñeses Alonso de la Peña Montenegro, bispo de Quito (Ecuador) entre 1653 e 1687 e autor dun famoso «Itinerario para párrocos de indios» (1668) que serviu de manual para os curas na xestión das doutrinas indíxenas. En certo sentido, o seu traballo pode equipararse ao que efectuou San Martín de Dumio cos eclesiásticos galaicos do século VI.

Economía. A mediados do século XVIII ‒aínda que en termos xerais é unha situación que proviña da Idade Media‒ a maior parte dos habitantes dedicábanse á labranza e á gandería, excepto dous xuíces (un en Bretoña e outro en S. Esteban de Foz), dous arrieiros, dúas estanquilleiras, seis xastres, catro carpinteiros e vinte oito tecedoras. Daquelas non se rexistran mesóns, tendas, panaderías, mecánicos, nin tabernas públicas. Aínda que había diferencias salariais entre oficios, os traballos temporais pagábanse a 2 reales ó día, e era habitual o intercambio de produtos entre veciños ao marxe da moeda. A medida do volume da sementeira facíase entón en ferrados: un caixón de madeira onde se metían os cereais e legumes. Cinco ferrados facían unha fanega. O cereal con máis presenza na produción local era o centeo, o cal tiña un valor de 4 reales por ferrado. En canto ao gando, que entón cohabitaba no andar inferior da vivenda familiar, era bastante variado (tanto bovino, como equino ou porcino), pagándose por exemplo as vacas fértiles a 24 reales. Había tamén 24 muíños fariñeiros e 41 colmeas. A produción anual de cada colmea proporcionaba 3 reales. Polo demais, en calidade de aforados ao señorío de Mondoñedo, os veciños pagaban 1/8ª parte do décimo (cerca de 1000 reales) ao párroco, e as outras 7/8ª partes ían para o cabido e o bispo.