A CASA DA GALOCHA

A actualmente coñecida como Casa da Galocha foi anteriormente coñecido como Casa de Xenaro.

XENARO ÁLVAREZ MASEDA (1879-1936), nado na Casa de Campón de Francos, era o maior de sete irmáns. Como mozo do seu tempo, é posible que fose a Cuba na procura dun mellor futuro, onde puido facer un pequeno capital co que á volta compraría o terreo para facer a casa e tamén a leira onde moitos anos despois se había construír o edificio da vella cooperativa de Bretoña. Casou con BALBINA NIETO SEIJO (1882-1963), da familia de Xan Neto da Xesta, que rexentaba unha taberna na que paraban xateiros e tratantes de carneiros e que ademais abastecía de produtos moitos outros establecementos da rodeada.
Haberá ao redor dun século que inician a obra nesa propiedade do lugar da Igrexa moi próxima á Casa da Botica, verdadeiro eixe vital da parroquia, seguramente xa con intención de poñer alí taberna. Aínda hai memoria hoxe da axitación que produciu no seu tempo; do boureo de canteiros e carpinteiros; do tránsito de carros cargados de pedra, de lousa ou de madeira; do bacallau e mais do viño que traían do Marco de Álvare para manter a xente que traballaba na súa construción… E, efectivamente, a xeitosa Casa de Xenaro foi taberna e casa de comidas. Non daban nela pousada, agás en ocasións a xateiros ou viaxantes para quen había cama de folga. Xenaro dispoñía de bois, cos que traía da Xesta en carros o xénero necesario para manter o seu negocio.
Pero á taberna non só lle daba vida a propia actividade económica. Tamén o brío social, pois Bretoña non foi allea á esperanza que se estende polo país adiante durante os anos anteriores a 1936. A Casa de Xenaro completaba un núcleo de pequenos negocios que vivían tempos de prosperidade. Algúns tamén de emigrantes retornados,
como o Café de Juan García Anllo; outros, derivados do exercicio de oficios necesarios para a supervivencia da sociedade daquel momento, ben xa establecidos na currada da Casa da Botica ou ben de profesionais ambulantes que acudían fielmente á chamada da feira quincenal: ferreiros, albardeiros, costureiras, xastres, tratantes, zoqueiros, músicos… Ademais do propio movemento que producía a taberna, a mesma Casa de Xenaro acollía tamén aquela afanosa actividade exterior: na súa parte traseira, nun cuarto ao que se accedía por escaleiras desde fóra, traballaba Victorino Mateo Humbreiro, zapateiro e alcalde republicano de Pastoriza. Do outro lado do camiño, a Casa de Ónega, tamén con comercio. De cara ao Azougo, na Casa de Dámaso, a escola. Cara ao sur, a taberna da Casa de Xan de Llano…
Como sociedade viva que era, a Bretoña daquel tempo estaba aberta ao coñecemento e aos ideais progresistas da época que chocaban abertamente co ideario reaccionario e católico. Moitos deberon ser os faladoiros celebrados naqueles centros de reunión social. Na Casa de Xenaro, igual ca noutros establecementos do lugar da Igrexa e doutros barrios da parroquia, seguramente se teñen vivido acordos e desacordos ao redor da actualidade e da lectura de xornais e revistas que coa República entraran por vez primeira en moitas casas. A actividade política e pedagóxica de Victorino Mateo, Castor López ou Luís López Lindín convivía co violín de Benigno Soto, o Roso, nas fías ou no Entroido; ou co afán poético de Xan Bouso, dos Currás, denunciando os abusos do clero…
O golpe de Estado fascista de 1936 que dá inicio á Guerra Civil acaba co dinamismo da Bretoña dos anos 30, deixándoa sumida outra vez na ignorancia e no fanatismo político e relixioso. É tamén nese ano cando ten lugar a morte de Xenaro, coa que remata a primeira parte da historia da súa casa. Viúva e sen descendencia, Balbina establécese en Mondoñedo e arréndalle a propiedade ao
matrimonio formado por ELISEO SECO FALCÓN (1908-2005) e INÉS PACIO SECO (1908-2006), que xa tiñan iniciado diante dela a construción da súa propia casa, parada nese momento por mor da guerra. A Casa de Falcón hana ir acabando mentres viven na de Xenaro, que manteñen como taberna e casa de comidas durante moitos anos, nunha etapa onde aparecen novos pequenos negocios que completan a oferta que aínda se mantiña no lugar. A propia familia de Falcón é claro expoñente dese tempo.
A finais da década dos 60 os herdeiros de Balbina véndenlle a casa a GERMÁN GALOCHA RAMOS (1923-2011), que regresara había pouco de Venezuela. Como non chegou a vivir nela, nunca foi coñecida como Casa de Galocha. Popularmente é a Casa de Xenaro para unhas xeracións e a Casa de Falcón para outras, aínda que este nome pode causar confusión por ser o que lle corresponde á casa propia desa familia.

Luz Galocha
Bretoña, marzo 2018