Extintos os Neandertais, o Homo de Cromagnon habitará tamén Cova Eirós a comezos do Paleolítico superior, ao igual que a Cova da Valiña (Castroverde, Lugo), limítrofe co territorio mindoniense, onde se atoparon burís e puntas de lanza de hai aproximadamente 32.000 anos, xunto con fauna de ambientes temperados e fríos: hienas, zorros, rinocerontes, osos, cérvidos, porco espiñes, bisontes, cabalos, topos, coellos, xabarís, corzos, leiróns, marmotas, etc.
Co inicio do Último Máximo Glacial (o Pleniglaciar Würmiense Final: hai 25-16 mil anos) a liña de neves perpetuas baixa ós 700 m e se forman glaciais no Noroeste peninsular en torno aos 900-1.200 m. As temperaturas descenden drasticamente, favorecendo as praderías, e quedando redutos boscosos só na franxa litoral e sublitoral galega. Isto explicaría a case ausencia de rexistros na rexión entre hai 30.000 e 17.000 anos. Durante os meses de inverno, unha boa parte da superficie do Océano Atlántico estará conxelada (o xeo chegará ata Estaca de Bares), fundíndose en parte durante o verán. O volume máximo de xeo no Atlántico acádase entorno ó 18.000 antes do presente. Nos poucos rexistros faunísticos do período (cérvidos, équidos e lagomorfos) destaca a práctica ausencia de carnívoros e a aparición de renos migrados das chairas francesas. A flora conformaríana maioritariamente herbáceas esteparias. Da época tardiglacial, a finais do Paleolítico superior, datan as pinturas rupestres representando cérvidos do nivel 1 da Cova Eirós, así coma os colgantes atopados nela e nas Covas de Valdavara (Becerreá), unhas das poucas evidencias de arte moble no noroeste da época.
Durante o período estadial (frío) do Dryas antigo (h. 14.000 AP), a Fronte Polar cubría a parte Central do Océano Atlántico, chegando ás proximidades da desembocadura do río Miño. A relativa humidade do litoral favorecía as formacións pratenses con breixos e poucas árbores, mais nas serras do interior (Courel, Manzaneda) predominaban as estepas frías (gramíneas, arbustos, etc.).