José Villa-Amil y Castro

Arqueólogo, arquiveiro, bibliotecario, xuíz, xeógrafo, historiador, paleógrafo… José Villa-Amil y Castro (1838-1910) é unha das figuras máis sobresaíntes dos estudos históricos galegos de todos os tempos. De categoría moi superior a outros autores que gozan, sen embargo, de maior recoñecemento, o talle do seu legado apenas encontra parangón en contados ilustres coma Martín Sarmiento. Dunha erudición e rigor analítico fora do común, Villaamil non solo foi pioneiro da catalogación crítica e sistemática de documentos de diferente tipo referentes a Galicia, senón tamén do rexistro arqueolóxico dos castros e outros vestixios prehistóricos galegos, que neste primeiro achegamento foron fundamentalmente os das terras mindonienses, entre eles o de Bretoña. Froito destas escavacións e recompilacións de obxectos sería o seu proxecto de formación, en Santiago, do primeiro museo arqueolóxico galego. Pero a importancia do traballo de Villaamil non reside únicamente no seu valor fundacional, senón sobre todo na súa calidade científica e precisión conceptual, en moitos temas apenas superada pola historiografía posterior, a cal demasiadas veces ignora as súas aportacións.

Porque, incomprensiblemente, ningunha biblioteca, colexio, museo, arquivo ou institución, por pequena que sexa, leva o seu nome nestas terras. E, pese a que case todas as súas obras están dixitalizadas e dispoñibles gratuitamente en Internet, poucos dos encargados de presentar ao público o patrimonio histórico galego se fan eco consecuente do que representan, citando como pioneiros, por exemplo, da arqueoloxía galega, a outros autores bastante máis tardíos (penso, por exemplo, na recentemente inaugurada sección de historia do Museo do Pobo Galego). A obra de Villaamil seguramente sexa merecedora dun lugar máis céntrico e importante, acorde á súa altura histórica, pero, dado que tamén estudou con profusión a historia britoniense, parécenos de xustiza dedicarlle un espazo neste modesto centro de interpretación.

Aínda que naceu e morreu en Madrid, José Villaamil y Castro creceu e se formou en Mondoñedo. Residía na casa que a súa familia posuía diante da catedral, onde recentemente se colocou unha placa que lembra ao seu ilustre habitante. Dende moi mozo dedicouse a recompilar escritos e obxectos antigos do Norte de Lugo. En 1859, con tan só 21 anos, Villa-amil tivo o recoñecemento da Real Academia de la Historia por debuxar e dar a coñecer o báculo e calzado do bispo de Mondoñedo Pelaio II (1199-1218). Pouco despois descubriría as pinturas murais da Catedral de Mondoñedo, as cales se encargaría de reproducir e restaurar.

En vista do seu bo facer, a Real Academia de la Historia encomendoulle reorganizar o arquivo da Administración Provincial de Lugo e redactar unha historia da rexión que se publicaría como tomo IX da Crónica general de España en 1866, sendo nomeado este mesmo ano académico correspondente da Real Academia de la Historia, á idade de 28 anos. Na Crónica de la Provincia de Lugo, Villa-amil recollía algúns dos resultados das súas primeiras intervencións arqueolóxicas, entre as que figuraba a Igrexa de Bretoña. Máis dun século antes de que foran redescubertos por Chamoso Lamas, Villa-amil notifica como de época sueva «los sepulcros formados con lajas que se encuentran a poca profundidad en sus inmediaciones, acompañados de algunos pedazos de vasijas». Esta labor de campo acompañábase dun rigor teórico excepcional, como se manifesta no seu precoz tratado Rudimentos de Arqueología sagrada, de 1867, que ben pode inscribirse entre os pioneiros do seu xénero en España.

Todo isto malia carecer, á idade de 30 anos, de calquera titulación académica. En 1869 obtería o Bacharelato en Artes en Lugo, recibindo ó pouco tempo o título de arquiveiro, bibliotecario e anticuario, labor que compaxinou con diferentes cargos mentres viviu en Mondoñedo (concelleiro, xuíz, fiscal). Nestes anos levou a cabo, nos castros e outros xacementos prehistóricos dos concellos mindonienses, as primeiras intervencións arqueolóxicas sistemáticas feitas en Galicia, publicando os achados en varios artigos para os primeiros números do Museo Español de Antiguëdades (1872-1876). Entre tanto, catalogou as antigüidades prehistóricas e célticas de Galicia (1873), os códices medievais das igrexas galegas (1874), e outros moitos manuscritos de diferentes épocas que tratan de Galicia (1875).

En 1873 marcharía a vivir a Madrid, onde se doutorou en Dereito Civil e Canónico, e reorganizaría rigorosamente os fondos de varios arquivos e bibliotecas. En 1886 representou ó Goberno na Conferencia Internacional de Berna na que se firmaría o convenio sobre a protección das obras literarias e artísticas. Nestes anos continuou catalogando os obxectos antigos de Galicia e estudando diversos aspectos da súa historia. Pola excelencia amosada no desempeño de todos estes cargos, así como pola súa inestimable produción bibliográfica, Villa-amil foi nomeado membro de numerosas academias nacionais e internacionais, ademais de recibir a Gran Cruz de Isabel la Católica en 1901, entre outras condecoracións. Máis dun século despois da súa morte, os seus traballos historiográficos e bibliográficos seguen constituíndo un eslavón imprescindible para a escrita da historia de Galicia. A maior parte das súas obras están dispoñibles en Internet: aquí poden descargarse gratuitamente.