Historia britoniense

Historia da gens britoniense e do bispado de Britonia

A orixe dos britones que conformaron o bispado tardoantigo de Britonia permanece oculta á documentación conservada, pero a hipótese máis amplamente aceptada é que se trataría dun bispado concedido a unha colonia de britanos chegados ás costas da Gallaecia sueva trala caída do Imperio romano de Occidente, e con motivo das invasións anglosaxoas das illas británicas. Os primeiros documentos que notifican a existencia desta diocese son as actas dos concilios de época sueva: o celebrado en Braga no ano 572, no que firma Mailoc britonio, e o celebrado en Lugo cara as mesmas datas, onde se elaborou o famoso Parroquial suevo. En lugar das parroquias reducibles a topónimos que aparecen supeditadas á meirande parte das dioceses desta división, á sede britoniense adxudícaselle a xurisdición sobre un número indefinido de «igrexas entre britones», xunto co «Mosteiro Maximi» ‒o máis antigo de nome coñecido en toda a Península Ibérica‒ e «Asturias» [ou, «as igrexas que están en Asturias»]. A mención a Asturias non se atopa nas copias do Parroquial suevo que dependen das interpolacións efectuadas polo bispo Pelayo de Oviedo a comezos do século XII, o que conlevou numerosas confusións e controversias que chegan aos nosos días.

Os prelados britonienses tamén aparecen confirmando algúns concilios de época visigoda, e se ten suxerido que os bispos que firmaban coma laniobrenses en algúns concilios nos que non figuran os britonienes, pertencían ao mesmo bispado. Ademais, a diocese de Britonia rexistrarase supeditada ao metropolitano de Braga nos catálogos provinciais deste periodo. Tomando pe nestas listaxes de historicidade máis ou menos verificable, durante a Idade Media elaboráronse outras notoriamente apócrifas atribuídas ao emperador Constantino, por un lado, e ao rei Wamba, por outro, nas que tamén aparece Britonia. A presunta destrución da sede de Britonia a mans dos musulmáns no primeiro século da súa conquista da península propiciaría, durante o reinado de Alfonso II (cara o 830), a fundación do bispado de Oviedo no territorio astur de antiga xurisdición britoniense. Na segunda metade do século IX, durante o mandato de Alfonso III, o bispado de Dumio trasladouse ao cantábrico lucense, dando lugar á sede de Mindunieto para a cal se construirá a catedral de San Martín, preto de Foz. Sen embargo, antes de rematarse o templo, cara o ano 1115, sendo bispo Nuño Alfonso ‒un dos autores da Historia compostelana‒ a diocese menduniense trasladouse a Vallibria, no val do río Bría, seguramente para escapar dos ataques por mar de vikingos e ingleses que eran frecuentes neste periodo. En 1156, Alfonso VII outorgará a Vallibria o estatus de cidade, e concederalle ao seu bispo numerosas propiedades, comezando significativamente polos coutos de Sancti Martini et Britonie, antigas sedes das dioceses menduniense e britoniense, respectivamente, das cales o vallibriense instituíase herdeiro territorial. De mais do seu topónimo, vestixios arqueolóxicos e localización, esta é unha das principais razóns que levan a identificar con Santa María de Bretoña a sede ‒ou un dos principais centros‒ da diocese britoniense.

O bispado Mindoniense trasladaríase novamente en 1182, esta vez á recentemente fundada Ribadeo, onde non se chegará a construír catedral, pois a sede regresará en 1219, e esta vez definitivamente, a Vilamaior de Vallibria, durante o bispado de Martín I, onde antes do ano 1250 darase por terminado o templo, de fermoso estilo gótico. Debido ao peso do bispado mindoniense na rexión, que en época moderna se constituirá en Provincia, a cidade de Vallibria mudará o seu nome por Mondoñedo, co cal chega aos nosos días. Estas continuas traslacións da sede, a polémica vinculación de Britonia coa orixe do bispado ovetense, así como a identificación do bispado britoniense cos bispos laniobrienses que asisten a algúns concilios visigodos, fixeron tan complicada a reconstrución da historia eclesiástica desta rexión que un dos máis ilustres historiadores españoles de todos os tempos, Enrique Flórez, manifestou que ningunha outra igrexa lle supuxera tanto traballo.

Contidos deste apartado