VIII. Historia: do medievo á actualidade

Ó marxe da diocese britoniense que probablemente tivo aquí un dos seus principais centros, e ó marxe dos asentamentos previos (prerromanos e romanos) que a arqueoloxía constata na zona, a primeira mención da que non cabe dúbida que se refire a esta Britonia da Pastoriza e á súa igrexa de Santa María data de 1089. Durante os séculos pleno medievais existiu un mosteiro adscrito á igrexa de Bretoña, e o bispo de Mondoñedo Álvaro construiría a carón dela unha casa no século XIII, tras instalarse a diocese definitivamente en Mondoñedo (entre o 1182 e o 1219 estivera en Ribadeo). Esta casa gozaría duns privilexios especiais durante varios séculos, estando o labrego que a habitara exento de pagar calquera imposto. A cabalo entre os séculos XVII e XVIII, a recepción local das lendas elucubradas polos falsos cronicóns sobre a orixe apostólica de Britonia levará a que se bautice esta vivenda como “Casa de Zebedeo”, por pensarse que nela habitara o pai de Santiago Apóstol, a quen algúns autores facían primeiro bispo de Britonia. Actualmente, esta é a casa coñecida como “casa do bispo”, localizada a escasos metros da igrexa. Ó marxe desta curiosa anécdota, a poboación de Bretoña e o seu tipo de vida rural se mantivo máis ou menos estable ata comezos do século XX, cando varios veciños se viron obrigados a emigrar, como máis de mil anos antes fixeran os britóns que deron nome á vila. A chegada da electricidade en 1946, e a concentración parcelaria dos anos 60 darán o impulso definitivo ao ingreso de Bretoña na modernidade.