Concilios visigodos (589-693)

O Regnum suevorum de Gallaecia desapareceu ao ser conquistado polo rei visigodo Leovixildo no ano 585. A anexión atopou resistencia no suevo Malarico, quen reclamaba para si o dereito ao trono. Aínda que finalmente foi derrotado, a súa rebeldía seguramente tivo consecuencias na nova administración visigoda do territorio; a cal, trala conversión ao catolicismo do novo rei Recaredo, colocaría bispos afíns á fronte das dioceses galaicas. Isto podería explicar que durante sesenta anos non haxa noticias da asistencia de bispos de Britonia ós concilios de Toledo, e que no seu lugar aparezan os de unha diocese chamada «Laniobriga», cuxa localización aínda e motivo de controversia, ainda que a maior parte das propostas apuntan a un lugar dentro do actual territorio da diocese de Mondoñedo Ferrol (Lambre, preto de Betanzos; Landrove, en Viveiro; Vallibria, antiga Mondoñedo, etc.).

O presente documento, publicado en 1605, recompila os bispos britonienses dos que se teñen rexistros nas coleccións conciliares hispanas: Mailoc (ano 572), Metopius (633), Sonna (646, e no 653 por mediación de Materico) e Bela (675). Dende finais do século VII, a diocese de Britonia desaparece das fontes, podendo ter sido destruída polos musulmáns a comezos do século VIII, como refiren algúns documentos medievais. O texto recolle tamén a incerteza e diversidade de opinións que entón se tiña acerca da localización da sede, pois a historiografía portuguesa acostumaba a reducila a Viana de Caminha e arredores.

Francisco de Padilla (1605), Historia ecclesiastica de España, II, cap. 87, fol. 25 rev.