Estudios britonienses

No século XIX, destacan tres novas liñas na historiografía de Britonia. En primeiro lugar, o celtismo atopará no seu nome un motivo para a especulación, non só do pasado celto-galego, senón tamén da mesma orixe celto-britana, pois, baseándose en lendas irlandesas medievais, moitos pensaban que os primeiros habitantes das illas británicas emigraran dende o noroeste hispano. En segundo lugar, a diocese comezará a ser estudada por historiadores de fora da península: uns, identificando a Mailoc co irmán de Gildas, suporán que o seu bispado tiña unha orixe celto-britana; outros, entendendo que o mosteiro Maximi aludía ao usurpador Máximo, vincularán ó seu exército bretón coa orixe do topónimo. En terceiro lugar, José Villa-Amil y Castro, pioneiro da arqueoloxía galega, realizará en 1866 as primeiras escavacións na contorna da igrexa de Bretoña, notificando que, dos seus restos de época sueva e goda, «non queda outro recordo que unha inscrición e os sepulcros formados con laxas que se atopan a pouca profundidade nas súas inmediacións, acompañados dalgúns anacos de vasos cerámicos». O presente documento forma parte doutro importante estudo que Villa-Amil dedicou ás antigas terras mindonienses, en xeral, e a Britonia, en particular.