Manuel Chamoso Lamas

A conservación e divulgación do patrimonio cultural galego durante gran parte do século XX non se entende sen a figura do escritor e historiador da arte Manuel Chamoso Lamas (La Habana, 1909 – A Coruña, 1985). Presindente da Real Academia de Belas Artes -institución que conserva a súa extensa colección fotográfica- e membro da Real Academia Galega, dedicou toda a súa vida ao estudo e protección do patrimonio cultural galego desde o seu posto como Comisario da I Zona de Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico. O seu intenso labor investigador deixa fondas pegadas, en moitos puntos da xeografía galega como Santa María de Augas Santas en Allariz ou o Castro de Viladonga, xacemento senlleiro da Idade do Ferro galega. Non obstante, tiña unha especial predilección polas necrópoles como as de Santa Eulalia de Tines en Vimianzo, San Xiao de Moraime en Muxía ou San Bartolomé de Rebordáns en Tui, lugares que consideraba moi valiosos para o coñecemento das sociedades humanas pasadas e presentes. É en Santiago de Compostela onde vemos a confluencia do seu traballo investigador e museolóxico, pois fundou o Museo das Peregrinacións e dirixiu as escavacións no subsolo da catedral que sacarían á luz as dúas primeiras igrexas do sepulcro apostólico, así como o enterramento e lauda sepulcral de Teodomiro, bispo que recoñeceu a tumba do apóstolo Santiago.

En Bretoña, Chamoso Lamas coñecía os topónimos Casa do Bispo e O Bispado e a importancia que os emigrantes britanos tiñan para coñecermos a Alta Idade Media, escasamente documentada en Galicia. As escavacións realizadas en 1970 e 1971 na igrexa de Santa María descubriron uns muros que pechan as dependencias do que podería ser un palacio e unha ampla construción semicircular de lousa, con dúas tumbas de orixe visigótica no seu interior, que Chamoso identifica como a ábsida da catedral de Maeloc, abade-bispo da Sé britoniense.

Chamoso Lamas subindo de Chouzán (Carballedo) en burro (1966). Archivo Chamoso Lamas