Paleozoico inferior

Hai aproximadamente uns 540 millóns de anos fragmentouse o supercontinente Pannotia que se concentrara no polo sur durante o Proterozoico. No primeiro período tras esta fragmentación, coincidindo cun quentamento global, produciuse a chamada «explosión cámbrica» coa que se diversifican as formas de vida acuáticas, algunhas das cales chegan aos nosos días (esponxas, algas, vermes, moluscos bivalvos, etc.), atopándose tamén algúns fósiles trilobites do periodo na nosa zona. Nesta época os futuros terreos peninsulares continuaban dispersos ou somerxidos, mais algunhas das súas formacións líticas pódense observar na actualidade en distintos afloramentos no noso territorio. Por exemplo, os materiais do Dominio tectónico do Navia e Alto Sil afloran na chamada Ventana de O Xistral, na serra do mesmo nome, onde predominan lousas e cuarcitas do Cámbrico inferior, destacando un bloque de cuarcitas que alcanza entre 1.000 e 1.500 metros de espesor. Tamén nas covas de Abadín e Mondoñedo, entre as cales a famosa Cova do Rei Cintolo (a máis grande de Galicia), poden apreciarse lousas de Cándana e calizas que se formaron hai máis de 500 millóns de anos, durante o Cámbrico inferior e medio.