Magdaleniense (-13.000/-10.000)

Migracións epipaleolíticas, ca. 10000 a.C. (Carlos Quiles 03.09.2020)

Durante o Interestadio Tardiglaciar (hai 13-11.000 anos), a Fronte Polar repregouse cara as costas de Groenlandia e a Península de Labrador, o que propiciou a colonización arbórea do territorio galego; partindo do litoral, estenderíanse a través dos vales ata as montañas e as depresións interiores. Nesta época o cervo (representado en Cova Eirós) segue sendo a especie dominante, aínda que a súa presenza descende en favor da cabra montesa, o corzo e o xabaril. Na última fase do Tardiglaciar (hai 11-10 mil anos) empeora de novo o clima e a Fronte Polar atlántica descende ata Estaca de Bares, desaparecendo novamente unha boa porcentaxe da masa arbórea, ao tempo que se incrementaba o número de cérvidos en detrimento das cabras. Neste contexto cambiante poboáronse os xacementos do Magdaleniense final e Aziliense de Pena Grande (Vilalba), Os Penedos (Vilalba), Férvedes (Xermade) e Prado do Inferno (Muras), onde se atoparon numerosas pezas de raspadeiras, burís e puntas de lanza; así como restos de arte moble ‒un colgante decorado‒ e uso de ocre. Moitas delas están expostas no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Estes emprazamentos mindonienses, localizados en vías naturais de comunicación (preto dos camiños reais que posteriormente conducirán de Lugo a Viveiro e Ferrol), serviron de abrigos e atalaias aos poboadores da época, sobre todo durante o arrefriamento da última glaciación. Concentrábanse nos territorios de maior benignidade climática, onde o bosque alcanzaba o seu maior desenvolvemento e onde era fácil atopar animais para cazar (de feito, a escasa presenza de froitos e sementes silvestres suxire que a recolección tivo pouca importancia neste período, o que contrasta coa súa abundancia noutras rexións). Polo demais, a localización destes xacementos en depósitos ácidos impediu a conservación de restos orgánicos de homínidos e fauna.