Ata o momento, as augas atlánticas legaron unha cantidade moito menor de restos de embarcacións prehistóricas, atopándose as máis antigas estruturas de madeira (finais II milenio a.C.) en contornas fluviais e estuarios de Inglaterra. No resto do atlántico non se coñecen embarcacións semellantes durante a Idade do Bronce, polo que todo apunta a que as redes atlánticas do Bronce Final II comezaron no sur de Inglaterra e o noroeste de Francia entre o século IX e o 900 a.C. A Península Ibérica integraríase nestas relacións marítimas durante o Bronce Final III (entre o 900 e o 750 a.C.) debido seguramente á chegada dos fenicios no século X a.C. ó suroeste peninsular (así o evidencia o influxo do Mediterráneo oriental no ‘tholos’ de Roca do Casal do Meiro). Alí florecería a sociedade tartésica, cuxas innovacións e simboloxía se estenderían tanto por terra coma por mar ó resto do occidente peninsular. As embarcacións representadas nuns petróglifos de Auga dos Cebros (Oia, Pontevedra), de tipoloxía Mediterránea, constatan a chegada desta nova tecnoloxía ó Noroeste, a cal abrirá novos horizontes ó intercambio de bens con outras rexións atlánticas. En principio, o máis probable é que os contactos marítimos foran de curta distancia ‒a abundancia de minas de estaño nas costas galegas puido atraer ós máis adiantados navegantes das colonias fenicias (gaditanas e tartésicas)‒, existindo varias rutas continentais ó longo de Europa, pero non se descartan percorridos marítimos máis longos que conectaran Portugal con Irlanda, a xulgar pola presenza de caldeiros irlandeses e escudos semellantes en ambas rexións.
A miúdo, no final da Idade de Bronce da Europa Atlántica, os machados presentan unha gran cantidade de chumbo na súa aliaxe que os imposibilita para usalos como tales e que poderían ter outras funcións simbólicas. Os machados de dobre anel, típicos do occidente peninsular (na Bretaña tiñan un único anel), foron escondidos baixo terra a moreas en diferentes puntos de Galicia coma se fosen tesouros ou bens de intercambio. Por outra banda, a abundante produción de armas constitúe un signo da época que chega a representarse en varios petróglifos do occidente galego, quizais coma sinais territoriais. A maior parte dos restos do Noroeste peninsular atópanse no noroeste de Portugal e no suroeste de Galicia, onde aparecen tamén os primeiros asentamentos fortificados en alto que anteceden ós castros. Outros vestixios da época son a construción anular con ‘enclos’ en Coeses (Lugo), o famoso Casco de ouro de Leiro (Rianxo, A Coruña) ou o campo de fosas funerarias recentemente atopado en Palas de Rei.