A loita contra a herexía necesitaba dunha igrexa parella ás estructuras administrativas do reino suevo. O Parrochiale suevorum é un documento que recolle a nova organización eclesiástica, e nel Britonia, como unha das dioceses recentemente fundadas.
Cita no caso da Sé de Britonia o goberno dun abade-bispo desde o mosteiro Máximo, modelo diferente do coñecido bispo-diocese propio da Galicia dese momento. “… Ad sedem Brittoniorum: Eclessias que sunt intro Britonnis una cum Monasterio Maxime et Asturias sunt “, “Á sede britoniense [pertencen] as igrexas que hai entre os britóns, xunto co mosteiro Maximi, e as que están en Asturias”.
De Maeloc, o bispo britoniense que puido ter liderado a chegada á Galicia dos britanos, temos a primeira e única referencia no II Concilio de Braga do 572 d.c., onde se presenta como o último dos doce bispos en asinar as súas resolucións. Alí, en último lugar aparece a firma do primeiro prelado de Britonia coñecido: “Mailoc, bispo da sede britoniense, subscribo o aquí feito”.
No I Concilio de Braga do 561, tamén no último lugar, aparece a firma de “Maliosus”, pero neste caso non se rexistra o nome das igrexas das que procedían os asistentes, polo que non se pode confirmar que Mailoc e “Maliosus” sexan a mesma persoa.
Debe terse en conta que as actas orixinais destes concilios non se conserva. Chegáronnos a través de diferentes copias manuscritas de entre os séculos IX e XIV espalladas ó longo de Europa. Nalgúns exemplares a grafía do nome é Mayloc ou Mahiloc.