Paleolítico Medio (-150.000 /-40.000)

No período climático Prewürm (ca. 120-80 mil anos) sucédense fases atemperadas e frías que propiciaron en Galicia (segundo o rexistro policlínico da praia de Area Longa, en Cangas de Foz, Lugo) unha paisaxe de bosques mixtos caducifolios formados por bidueiros, faias, carballos, abeleiras, etc., xunto con matogueiras de breixos. Entre os 80.000 e os 60.000 deuse un predominio de ambientes fríos (o chamado Peniglaciar de Würm), durante o cal o Hemisferio Norte tivo unha capa de xeo permanente no Océano Atlántico que estacionariamente alcanzaba a costa cantábrica e que facía descender a liña marítima. A vexetación estaría dominada por herbáceas, ao igual que o resto do suroeste de Europa, desaparecendo boa parte das árbores propagadas no prewürm.

É durante o Paleolítico medio cando florecen en Europa os Neandertais, os cales tamén chegaron ó noroeste peninsular, atopándose evidencias de longa ocupación na Cova Eirós (Triacastela, Lugo) dende hai aproximadamente 80.000 anos ata o período de transición coas especies homínidas modernas, hai uns 40.000 anos. A súa industria lítica amosa unha técnica de caza máis desenvolta e sistemática, alimentándose de osos das cavernas e outros animais dos que aproveitaban as peles. Se ben aínda non se ten confirmado o asentamento neandertal no territorio mindoniense, algúns xacementos das súas serras e covas poderían aportar información ó respecto. Por outra banda, como testemuña o achado do Incio (Lugo), os mamuts tamén habitaron a zona durante as glaciacións desta época. As condicións climáticas mellorarían entre hai 60 e 25 mil anos, durante o chamado interestadial Würmiense, provocando o desenvolvemento de carballeiras e bosques mixtos de bidueiros con caducifolios e coníferas nos territorios baixos, así coma lagoas e turbeiras no litoral.

Os Neandertais fixeron algunhas das pinturas máis antigas documentadas ata a data, atopadas en tres covas españolas (Cáceres, Málaga e Cantabria), nas que se representan animais e unha especie de escaleira. Deste periodo (hai uns 45.000 anos) data tamén o instrumento musical máis antigo rexistrado (unha frauta atopada nunha cova de Alemaña) e tamén a pintura máis antiga coñecida (un xabarín nunha cova das Illas Célebes de Indonesia).