Plioceno (‒6 / ‒3 Ma)

«(…) Pssamos al rio famoso de nombre, / que en nuestra Galicia llamamos el Miño,/ al qual hasta agora llamaramos niño,/ mas otros que absorbe le hazen ser hombre,/ en partes va bravo, que no ay quien no assombre, / passa por pueblos que aquí se diran, / la fuente do nace se llama Miñan, / que deste Miñan tomo su renombre.»

Bartolomé Sagrario de Molina (1550), Descripción del Reyno de Galicia y de las cosas notables del, Málaga, 4ª parte, ‘De los rios, y Pueblos’, fol. 36

A emerxencia do río Miño

Na vertente sur da recentemente levantada Cordilleira Cantábrica formáronse fosas tectónicas que estiveron activas dende hai aproximadamente 30 millóns de anos ata finais do Plioceno, dando lugar á chamada «Depresión de Ourense». O río Miño emerxeu no Norte desta rexión, a cabalo entre os actuais concellos de Meira e A Pastoriza, hai 5 millóns de anos, nunha data moi tardía se o comparamos coa maioría dos ríos galegos, pero constituíndose no máis longo e caudaloso de todos eles trala súa confluencia co Sil. En lugar de avanzar cara as costas cantábricas coma o seu veciño río Eo, o achairamento da rexión dirixiuno ata as Rías Baixas. O río nace no pedregal de Irimia (concello de Meira) e conflúe con regatos nutridos por unha lagoa subterránea de Fonmiñá («Fonte do Miño»), no concello da Pastoriza.

Previamente á emerxencia do Miño, entre hai 6 e 5,3 millóns de anos, produciuse a chamada «Crisis do Messiniense»: o empuxe cara ó Norte da placa africana levou a que se pechara o estreito de Xibraltar provocando a case completa evaporación do Mar Mediterráneo. Deste período datan os primeiros rexistros óseos de primates bípedes, postura quizais motivada polo deterioro climático e a extensión da sabana na paisaxe africana. Se ben algunhas especies de primates xa alcanzaran a Península Ibérica a finais do Mioceno, os primeiros homínidos, os Australopitecos, desenvolveranse en África a mediados do Plioceno, hai uns 4,5 Ma. Para aquel entón, o Mediterráneo xa volvera inundarse e retomara o intercambio de augas co Océano Atlántico.