Localizado nunha antiga casa de comidas no núcleo de Bretoña (A Pastoriza, Lugo), o CIN Bretoña é un centro de interpretación que ten por obxecto o estudo e divulgación da historia do bispado dos britones da Gallecia tardoantiga e altomedieval, en particular, e do patrimonio da Pastoriza e das terras mindonienses, en xeral. Abriu as súas portas en agosto de 2019 a iniciativa do alcalde do concello da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra, e pouco a pouco foi ampliando os seus contidos. Pódese visitar os martes, mércores, xoves, venres e sábados, en horario de mañá (10:00-13:30h) e de tarde (16:00-19:30h). Nesta páxina web atopará información sobre que ver na Pastoriza e arredores, e sobre onde comer e aloxarse en Bretoña e contorna, pero tamén un percorrido virtual pola súa historia que recolle e completa o discurso exposto no Centro de Interpretación.
O centro divídese en tres plantas e un anexo:
- A planta inferior está dedicada á formación das terras mindonienses e á prehistoria e arqueoloxía da Pastoriza. Aínda se atopa en proceso de consecución. Polo de agora, conta cunha mostra de pezas orixinais atopadas nas escavacións que se están a levar a cabo no Castro de Saa (na parroquia de Baltar, A Pastoriza), un monumental xacemento de época galaicorromana.
- A planta central, por onde se accede ao edificio, relata as orixes e historia da diocese britoniense a través de diferentes documentos, vídeos e paneis ilustrativos. Ademais, conta cun espazo dedicado ás escavacións que levou a cabo Manuel Chamoso Lamas na contorna da igrexa de Santa María de Bretoña, onde se pensa que estivo a sé do bispado de Britonia. O discurso deste andar completarase cuns paneis que expliquen o periodo medieval e moderno de Bretoña, de xeito que se conecte coa exposición do andar superior.
- A planta superior conta cunha sala para a celebración de eventos e conferencias, e está dedicada á etnografía da Pastoriza e a historia recente de Bretoña. A mostra componse dunha serie de fotografías (de Walter Ebeling e veciños da zona) e textos (de Xan Bouso e Lence Santar) que ilustran a idiosincrasia e as transformacións destas terras ó longo do século XX. Neste andar tamén hai un espazo dedicado a exposicións temporais: actualmente acolle a mostra ‘Britonienses ilustres‘, con esculturas e obxectos de Fernando Villapol.
- O edificio anexo alberga o forno da antiga casa de comidas na que nos atopamos. Actualmente amosa a exposición “Augas Mayloc“, unha colección de botellas e maquinaria de gasosas propiedade do escultor local Fernando Villapol Parapar.