Paleolítico inferior (-3 Ma /-150.000)

Os primeiros homínidos evolucionaron a partir de primates hai aproximadamente 4 millóns de anos no centro de África. Tiñan a habilidade de tallar útiles de pedra e comunicábanse seguramente por signos manuais e sons guturais pero non sabían falar nin controlaban o lume. No paso dun millón de anos, unha nova xeración homínida (Homo erectus e Homo heidelbergensis) foi poboando o Norte de África e pasou a Asia e Europa. Polo de agora, en ningún lugar do Noroeste se atoparon rexistros dos primeiros homínidos que poboaron a Península Ibérica durante o Plistoceno inferior, os cales penetraran en Europa procedentes do Norte de África e Oriente próximo hai 1,8 millóns de anos aproximadamente. Os primeiros restos homínidos da Europa occidental, datados en hai 1’4/1’3 millóns de anos, atopáronse en Granada (o chamado «Niño de Orce») xunto con industrias líticas do Olduvayense e evidencias de fauna extinta da familia dos hipopótamos, dos tigres, etc. Novas migracións constituirían unha especie distinta da cal se atoparon restos fósiles na Sima do Elefante da Serra de Atapuerca (Burgos), datados en hai 1,2 millóns de anos. Cerca deste xacemento, na Gran Dolina atopáronse restos de Homo antecessor de hai aproximadamente 800.000 anos. Ainda que estes xacementos localízanse máis preto do territorio mindoniense, os primeiros homínidos dos que se ten constancia no noroeste tardarán algúns centos de miles de anos en chegar e formarán parte xa dunha especie homínida distinta.

En Louselas (Vilaselán, Ribadeo) atopouse a serie máis completa de útiles Achelenses da costa Cantábrica (o repositorio peninsular máis importante deste período está no xacemento pontevedrés de Portomaior, no val do río Miño). Estas lascas foron datadas por Ramil Rego en 450.000 anos, constituíndo a proba máis antiga documentada de presenza homínida en Galicia. Manufacturas deste período tamén se atoparon en outros puntos do cantábrico lucense como Nois (Foz) ou San Cibrao (Cervo). A especie homínida asociada, o Homo heidelbergensis, procedente de África, xa sabía facer lume para quentarse e cociñar, vivía en covas ou en chozas ao aire libre e valíase dalgún sistema de comunicación oral. Manufacturaba utensilios pesados (bifaces, triedros, hendedores ou raederas) sobre nódulos, cantos ou lousas extraídas da costa (entón a 14 km ó Norte de Louselas); vivía da caza e a recolección e practicaba o carroñeo de grandes mamíferos como o elefante, daquelas presente na rexión.

Segundo a tese de Eduardo Ramil Rego, o corredor cantábrico puido servir de vía de poboamento dende África cara o Norte de Europa para os homínidos da época. Trala extinción do Homo heidelbergensis, mais aínda encadrado no Paleolítico inferior (Pleistoceno medio), temos o nivel arqueolóxico 4 da Cova Eirós (Triacastela, Lugo), o cal testemuña nova presenza homínida na zona hai uns 180.000 anos.

En canto ao clima, hai 2,5 millóns de anos comezou unha nova Idade de Xeo que chega ata os nosos días. Nela alternanse fases glaciais e interglaciares cuxas flutuacións climáticas teñen efectos notables no territorio. Se ben o casquete polar Ártico permanecerá substancialmente conxelado (coma sucede no interglaciar actual), o quentamento dos períodos interglaciares fundirá parte do xeo dos polos, de xeito que o nivel do mar suba e penetre no interior do continente a través das canles abertas pola erosión fluvial. Desta maneira se formaron as múltiples rías das costas galegas, nun proceso análogo ó que tivo lugar noutras rexións atlánticas como a Bretaña francesa. Nalgunhas fases interglaciares o nivel mariño acadará varios metros por enriba do actual, mentres que nas glaciais repregarase ata baleirar as rías. Co nivel do mar máis baixo déixase ó descuberto unha plataforma costeira que se cubrirá de areas e erosionarase pola acción do vento, dando lugar ás dunas. Estes fenómenos pódense observar en Ortigueira ou nas dunas de praias como Esteiro (Xove) e San Román (O Vicedo). As glaciacións tamén están na orixe de certas lagoas de montaña, como a de Lucenza no Courel, fora do territorio mindoniense.