Proterozoico (-1200/-540 Ma)

Calcúlase que a terra se formou, xunto co sistema solar, hai uns 4.600 millóns de anos [abreviado: Ma]. Dos eóns máis antigos da etapa Precámbrica, o Hádico e o Arcaico (durante os cales a temperatura terrestre era moito máis alta, as placas tectónicas máis móbiles e a “atmósfera” constituíana principalmente gases volcánicos), apenas se conservan vestixios debido ós sucesivos procesos oroxénicos e erosivos; de feito, pode que algúns dos máis antigos materiais xerados na terra se atopen na lúa, mentres que os máis antigos que se atoparon na terra proceden de meteoritos con formacións líticas presuntamente previas ao sistema solar. Dos formados e conservados na terra, os máis antigos rexistrados ata a data son minerais de zircón (localizados en Australia) e rochas ígneas e gnéisicas (localizadas en Canadá) estimadas en máis de 4.000 millóns de anos, a finais do eón Hádico; pola súa banda, ós estromatolitos máis antigos que evidencian a existencia de vida na terra, atopados en Groenlandia, calcúlanselles uns 3.700 millóns de anos (principios do eón Arcaico).

No período Precámbrico a Península Ibérica aínda non existía e boa parte do que sería o seu territorio atopábase somerxido ou espallado por diferentes masas continentais. Sen embargo, algúns dos seus compoñentes actuais formáronse antes da conxunción ibérica, durante o eón Proterozoico. Os exemplares máis antigos dos que se ten constancia na península son unhas anfibolitas (granitos negros) e ofiolitas do Complexo da Serra da Capelada‒Ortegal: rochas alóctonas (orixinariamente grabos) formadas no fondo do mar, preto do actual golfo de Guinea, hai uns 1.156 millóns de anos; logo, tras diversos movementos tectónicos e a ruptura de Pangea hai uns 200 millóns de anos, aflorarían en “territorio mindoniense”. A formación submarina destas rochas deuse no período do pico da expansión das cianobacterias nos océanos, nun momento no que diminúe o metamorfismo lítico, mais sendo a superficie terrestre aínda moi inhóspita. As masas planetarias do sistema solar estábanse consolidando, e a terra xiraba moito máis rápido que na actualidade, o que se traduce nunha menor duración dos días, de aproximadamente 17 horas por aquel entón. Durante este eón chamado Proterozoico, a progresiva concentración de osíxeno na atmosfera levará á aparición dos eucariontes (cun núcleo celular definido por membranas que envolven o material xenético, fronte ós máis primitivos procariontes) e dos organismos pluricelulares. Destes primitivos organismos que habitaban os mares non se atoparon vestixios no territorio mindoniense, pero si un pouco máis ao sur, na Serra do Courel lucense, nun dos poucos xacementos de fauna ediacárica de Europa, cuxos rexistros fósiles destas especies extintas teñen máis de 600 millóns de anos, é dicir, son xa do Neoproterozoico, un período máis frío no que comezou a romperse o súper continente Rodinia. Outras formacións precámbricas, estas autóctonas, aprécianse en xistos (filonitas) da chamada «Serie de Villalba», sobre cuxo estrato sedimentaranse os posteriores rexistros cámbricos. Estas rochas de falla dúctiles, observables nun afloramento do cabalgamento basal do Manto de Mondoñedo na praia das Areouras (Foz), están compostas principalmente por micas consolidadas por retrogradación a partir doutros minerais. Os materiais precámbricos da chamada «Serie de Villalba» tamén afloran en puntos da Falla de Viveiro, do chamado Ollo de Sapo, e do Macizo da Toxiza, na Serra do mesmo nome preto de Mondoñedo. Algúns destes antigos estromas líticos pódense apreciar tamén no Museo de Historia Natural de Ferrol e no Museo Geológico de Quiroga.