Romanización (-2.025/-1.700)

Surxida no centro da península itálica cara o século VI a.C. (hai 2.500 anos), a república romana expandirase polo resto de Italia durante o século IV a.C., e comezará a colonizar outras partes do Mediterráneo dende a segunda metado do século III a.C, chegando a Hispania no ano 218 a.C. A conquista total da Península Ibérica durou uns 200 anos: primeiro enfrentados cos cartaxineses, quenes posuían varias colonias no sur e levante hispano, e logo cos íberos, os romanos non chegarán ao Noroeste ata a segunda metade do século II a.C., cando Décimo Bruto derrote á etnia lusitana dos Kallaicos, habitantes da zona de Braga, e se extenda o seu nome ao resto dos pobos do Noroeste, dende entón chamados galaicos:

[…] Décimo Bruto extendeuse algo máis, ata os celtas e lusitanos e todos os pobos da Gallaecia, e, tras alcanzar o río do olvido [tamén chamado Leteo, o actual Limia ou o Miño], temido polos soldados, e percorrer como vencedor o borde do Océano, non volveu atrás antes de ter contemplado, non sen certo temor polo sacrilexio, a caída do sol ao mar e o eclipse da súa incandescencia nas augas.

Floro (h. 100), Epítome de la Historia romana de Tito Livio, I.33. (II.17), 6-14 [Galicia: 12]

Por iso [os callaicos, por ocupar gran parte da zona montañosa] e por ser os máis difíciles de vencer, ao que someteu aos lusitanos lle proporcionarán eles mesmos o sobrenome [Décimo Junio Bruto ‘Callaico’] e fixeron que á maioría dos lusitanos se lles denominase hoxe calaicos.

Estrabón, III.3.2

Pero a conquista definitiva do Noroeste non se consegue coa incursión do xeneral Décimo Bruto do ano 137 a.C. Aínda se demorará uns 100 anos: tralas insuficientes campañas de Julio César do ano 61 a.C., a dominación xeral do territorio, incluida a actual Galicia, parece terse acadado no ano 38 a.C., momento que se empregará durante o reino visigodo para datar o cambio de época que daba inicio á era hispánica (o nacemento de Cristo como ano cero do calendario non se empezará a implantar ata ben entrada a Idade Media). Sen embargo, esta relativa estabilidade durou pouco, xa que os pobos astures e cántabros rebelaranse contra o dominio romano, iniciándose en época de César Augusto unhas cruentas guerras que durarán 10 anos (29-19 a.C.), acadándose ao final delas a definitiva conquista de Hispania.

No occidente estaba en paz casi toda Hispania, excepto a parte da Citerior, pegada aos riscos do extremo do Pirineo, acariciados polo océano. Aquí axitábanse dous pobos moi poderosos, os cántabros e o astures, non sometidos ao Imperio

Floro, Epítome, 2.33.4

Ademais, as partes extremas da Gallaecia que, cheas de montes e selvas limitan co Océano foron sometidas polos legados Antistio e Furnio despois de grandes e terribles guerras.

Orosio, Historias VI, 21, 6

Neste contexto das guerras cántabras estableceuse un campamento militar na zona da actual Lugo, a partir do cal se fundará a cidade cara o 14 a.C. Dende ela administrarase e reorganizarase todo o conventus lucensis, en cuxo Norte quedaba o territorio que ocupará máis tarde a diocese britoniense. A chegada dos romanos a esta rexión, como sucedeu nas demais partes do seu imperio, comportou profundas reformas e trouxo innovacións que cambiarían definitivamente o devir da península e do territorio mindoniense: a reorganización das etnias locais, a construción de novos e diferentes tipos de asentamentos, a explotación dos seus recursos e a importación de elementos completamente novos para os locais das extremas partes da Gallaecia, como a escrita ou a moeda. Ademais, tanto os astures coma os galaicos lucenses e demais habitantes de Hispania incorporaranse ao exército romano para a conquista doutros territorios coma as illas británicas, construíndose para o caso nesta época, cara o século I, o importante faro de Brigantium (a torre de Hércules), a cal certifica o establecemento e consolidación de rutas marítimas frecuentes entre o conventus lucensis, o Mediterráneo, e as demáis rexións atlánticas baixo dominio romano: