Gasosas ‘Augas Mayloc’

Augas Mayloc 572. Colección de gasosas de Galicia

No edificio anexo ao CIN, onde se atopa un antigo forno restaurado, pódese visitar unha curiosa colección de botellas de gasosa procedentes de todas partes de Galicia xunto con exemplares da antiga maquinaria que se empregaba para a súa produción.Trátase dun proxecto levado a cabo polo escultor Fernando Villapol co cal, na súas palabras, pretende “render unha homenaxe a aquelas persoas emprendedoras que, aproveitando as augas da súa zona e converténdoas en pequenas industriais locais de gasosas e refrescos, deron resposta ás necesidades físicas e sociais do seu tempo nunha Galicia dispersa, illada e con precarias vías de comunicación”.

A colección confórmana unhas 570 botellas de diferentes localidades ordenadas por provincias, así como 350 envases de sifóns e aproximadamente 250 botelliñas de refrescos. As máquinas que as acompañan, propias de comezos e mediados do século XX, aínda poden poñerse en funcionamento para mesturar o gas, envasar, etc.A exposición complétase con algunhas obras procedentes do Museo Pedagóxico-Etnográfico Villapol.