Época castrexa e galaicorromana

[En construción]

Trala desaparición da civilización micénica (s. XII a.C.), o comercio marítimo no Mediterráneo quedara en mans dos fenicios, quenes fundaron varias colonias na zona de Cádiz, onde polas mesmas datas florecerá a Tartesos, a partir do século IX a.C., aproximadamente na mesma época en que aparece a cultura castrexa no noroeste. Os gregos, dedicados fundamentalmente á agricultura durante os séculos escuros, empezarán a intercambiar mercancías cos etruscos -habitantes do centro itálico- a comezos do século VIII a.C., fundando as primeiras colonias no Occidente de Italia cara o ano 750 a.C. As fundacións da Magna Grecia generalizaranse a finais do século VIII a.C. e durante o VII a.C., co que o seu coñecemento da extensión marítima, ao contacto cos mercaderes fenicios de Iberia, incrementarase nestas datas, sendo Cleo de Samos o primeiro grego que tería chegado ás costas de Iberia (Heródoto, Historia IV.152.1-3). Sen embargo, cartaxineses e etruscos uníronse cara o 550 a.C. para impedir que os mercaderes e colonizadores gregos seguiran infiltrándose por aquela zona. Trala victoria naval da coalición etrusco-cartaxinesa en Alalia, no 535 a.C., sobre os foceos, a loita pola hexemonía quedou decidida. Cartago dominou coma antes o Mediterráneo occidental e controlou a importante navegacion que, pasando a través do estreito de Xibraltar, conducía a Tarteso e ás illas produtoras de estaño, nos mares do norte, gardando o secreto comercial destas rutas. No caso da península ibérica, este monopolio romperase no século V a.C., cando os gregos fundan varias cidades no levante e fagocitan as rutas dos cartaxineses.