Vías e comunicacións terrestres

Se xa o convento lucense tiña, segundo Plinio, case a metade de poboación que o convento bracarense, dentro do propio convento lucense, a actual rexión mindoniense parece que estaba bastante menos poboada que as costas galegas occidentais que administraría a diocese iriense. Esta diferencia demográfica dábase xa dende comezos da época castrexa, e parece que continuaría trala conquista romana -estendéndose ata comezos da Baixa Idade Media, momento no que se fundan varias urbes na rexión (Mondoñedo, Ribadeo) e se reformula a trama viaria-.

No territorio da actual diocese mindoniense os romanos non fundaron ningunha cidade. O núcleo urbano máis cercano era Lucus Augusti, fundada no 25 a.C., e as principais vías que pasaban por ela non atravesaban o posterior territorio britoniense. A vía que saía cara o oeste dirixíase a Brigantium, mentres que unha das que saía polo leste dirixíase á rexión dos albións, na desembocadura do río Navia. O posterior territorio britoniense quedaría máis ou menos pechado por estes brazos viarios. Dentro del, o modo de poboamento romano foi o das villae e os vicus rurais (menos se sabe, polo de agora, das aldeas abertas), ademáis da reutilización e transformación de antigos asentamentos castrexos coma Viladonga ou o Castro de Saa. Varios castros costeiros tamén tiveron unha segunda vida neste período (Fazouro, Espasande, etc.), e numerosas villae foron edificadas sobre todo no arco Ártabro, rexistrándose asimesmo xacementos romanos nas rías de Bares e Viveiro xunto con lugares de explotación mariña como Punta Atalaia (Cervo). Para conectar estas poboacións e centros de produción coa urbe lucense e o porto brigantino sábese que existían algunhas vías secundarias, ainda que non está claro o seu trazado completo. Se ben non tiñan a entidade da vía XX que unía Lucus con Brigantium, varios miliarios e aras de lares viales, así como restos de trazado pétreo e pequenas pontes, manifestan a existencia dalgunhas vías de comunicacións estables na rexión, as cales se complementarían con outros camiños de veciñanza máis modestos. Unha destas vías partiría do campamento romano de Cidadela (Sobrado) e chegaría a Tagarreiros, en Viveiro. Outro semella que á altura de Guitiriz collía un camiño máis recto en dirección a Bares pasando por As Pontes; mentres que un terceiro chegaría a Cervo atravesando as terras de Vilalba. Pola súa banda, a vía que saíndo de Lugo se dirixía á actual Tapia de Casariego (Asturias), na rexión dos albións, pasaría preto do Castro de Viladonga, desviándose logo cara o leste, vía Meira, sen chegar a pasar por Bretoña. Queda, porén, moito que esclarecer sobre estes trazados romanos.