Restitución como diocese titular (1969)

A restitución da diocese de Britonia como sé titular

A orixe das sés titulares remóntase á decisión dos Papas da Baixa Idade Media de seguir designando bispos para as sés latinas localizadas in partibus infidelium, é dicir, para aquelas que se atopaban no territorio conquistado polo Imperio otomán musulmán. A pesar de que os cristiáns xa non podían predicar nelas, o título conservábase coa idea de restablecer estas dioceses no futuro. Co paso do tempo, a designación desvincularíase por completo do territorio que a bautizaba, conservándose só nominalmente. O Papa Pío V (1566-1572) estendería este privilexio a aquelas sés nas que había bispos auxiliares, e máis tarde ampliaríase tamén a outras situacións como as dos bispos eméritos (este é o caso do primeiro bispo titular de Britonia, Eugene O’Callaghan, bispo emérito de Clogher, Irlanda). En 1882, tralas queixas de algúns bispos que exercían en estados cristiáns nos que xa se acadara a independencia do Imperio turco, o título deixaría de apelar a dioceses ‘in partibus infidelium’ para adoptala forma actual de ‘sé titular’, coa cal se restitúe nominalmente calquera diocese desaparecida sen a pretensión orixinaria de restaurala como diocese territorial e residencial.

Desde 1969 houbo catro bispos titulares de Britonia:

  • Eugene O’Callaghan (28/11/1969- dimitiu o 26/01/1971). Sería nomeado titular de Britonia tras deixar de ser bispo de Clogher (Irlanda). Morreu en 1973.
  • John Brewer (31/05/1971-22/05/1985), mentres exercía de bispo auxiliar da Diócese de Shrewsbury (Inglaterra, 1971-1983). Deixaría o cargo ao ser nomeado bispo de Lancaster.
  • Edward Joseph O’Donnell (06/12/1983-08/11/1994), mentres exercía como bispo auxiliar da Arquidiocese de Saint Louis (Estados Unidos, 1983-1994). Deixaría o título ao ser nomeado bispo de Lafayette (Luisiana, EEUU).
  • Paweł Cieślik (3/12/1994-hoxe), bispo auxiliar emérito da diocese de Koszalin Kołobrzeg (Polonia). É o que ostenta o título na actualidade.

A designación destas titularidades recóllese en dúas publicacións que edita anualmente o Vaticano: o Annuario Pontificio (en italiano) e a Acta Apostolicae SedisCommentarium Officiale (en latín). O título de bispo nominal de Britonia outorgouse por primeira vez a finais de 1969, polo que non aparece recollido nestes documentos ata o ano seguinte, en 1970. Na Acta Apostolicae Sedis do 31 de xaneiro de 1970 recóllese a Acta Pauli PP. VI do Consistorium secretum do 15 de decembro de 1969[1]. Trala protocolaria alocución papal[2] enuméranse os bispados de nova provisión, aparecendo na páxina 16 o de Britonia: «Britonensem, Eugenium O’Callagham, iam Episcopum Clogheriensem»[3]. A correspondencia territorial desta diocese Britonensem non se especifica no documento, mais é evidente que, como mínimo, non se identifica coa de Bertinoro-Forlí (Italia), chamada Brittinoriensi, pois adxudícase a outro bispo diferente[4].

Na Acta Apostolicae Sedis de 1973 recóllese o segundo bispo titular de Britonia, John Brewer, quen tomara o cargo o 28 de xullo de 1971[5]: «Britoniensem, Ioannem Brewer, Auxiliarem Exc.mi P.D. Villelmi Grasar, Episcopi Salopiensis» (p. 185); aparecendo tamén no Diarium Romanae Curiae do 31 de marzo de 1973, recollido no mesmo volume, entre os membros da ‘Sacra Congregazione per l’Eduazione Cattolica’: «Brewer John, Vescovo tit. di Britonia» (p. 222). O 17 de novembro de 1983 recóllese o seu nomeamento como coadxutor do bispo Lancastrensis[6], o que implica o seu cese como titular de Britonia[7]. Nas actas do ano seguinte recóllese o concilio do 1 de Decembro de 1983 no que se asignaba a sé titular de Britonia, entón vacante, a Eduardum O’Donnell[8]. Ostentaríaa ata o 8 de novembro de 1994, cando lle sería asignada a ‘Cathedrali Ecclesiae Lafayettensi’[9]. O 3 de decembro de 1994, outra nova Congregatio pro Episcopis asignaríalle a titularidade episcopal da Ecclesiae Britoniensi a R.D. Paulum Cieslik[10].

Se ben nestes documentos non se especifica a localización da pretérita diocese de Britonia, o cal podería facer pensar que se refiren a outra de grafía semellante, nos anuarios pontificios editados pola Tipografía Vaticana si se recolle o seu antigo territorio. Entre os poucos anuarios dixitalizados que puidemos consultar, na lista dos bispados titulares do Annuario pontificio do ano 1983 (p. 706) especifícase a localización en Galicia da antiga sé de Britonia da cal John Berger é, nese ano, bispo titular: «Britonia (Santa María de Breto), Britonien(sis) ‒ pr. Galizia ‒ m. Braga.». As entradas dos anuarios de 2007 (p. 868) e 2009 (p. 868) ratifican a identidade galega desta Britonia:

«Britonia (Santa Maria de Breto), Britonien(sis) ‒ pr. Galizia ‒ m. Braga. *Pawel Cieślik, n. In Czernice, dioc. Di Koszalin-Kolobrzeg, 15 lu. 1940; ord. 25 giu. 1964; el. 3 dic. 1994; cons. 6 genn. 1995; Ausiliare di Koszalin-Kolobrzeg ‒ (Indirizzo: Wilkowo 18/a, 75-950 Koszalin, Polska).» [11]


[1] «Feria secunda, die xv mensis decembris anno MCMLXIX, in Aula consistoriali Palatii Apostolici Vaticani habitum est Consistorium secretum, cuius acta ex ordine referuntur». Acta Apostolicae Sedis. Commentarium officiale, año y vol. 62, tipografía Polyglottis Vaticanis, 1970, p. 5. De aquí en adiante empregamos a abreviatura AAS para referirnos ás Acta Apostolicae Sedis.

[2] Que remata co seguinte parágrafo: «Antequam autem ad has causas tractandas procedatur, ordo rerum agendarum in hoc Consistorio servandus postulat, ut nonnulis Ecclesiis vacantibus provideamus et nuntium demus de Ecclesiis iam provisis». AAS 1970: 16.

[3] Neste mesmo acto restituíuse tamén, entre moitas outras, a diocese de Valabria, antigo nome da sé Mindoniense localizada no Val de Brea. O máis probable é que para elixir as sés titulares unicamente as extraian de catálogos, e, tras comprobar se hai algunha na actualidade co mesmo nome, procedan a «restituíla» nominalmente, sen importarlles os detalles da diocese, a cal en algúns casos simplemente cambiou de nome ou brevemente de lugar. Antes en San Martín de Foz, a Vilamaior do Val de Brea trasladouse a sé episcopal mindoniense por iniciativa de Urraca I no 1112, sendo papa Sixto V e bispo Nuño Alonso. Tería 4 bispos entre 1136 y 1199; entre 1199 e 1218 trasladouse a Ribadeo, antes de establecerse definitivamente en Mondoñedo. Bispos titulares: Lorenzo Michele Joseph Graziano (1969-1976), Aloysius Matthew Ambrozic (1976-1986; logo arcebispo coadxutor de Toronto, Ontario), Martin Veillete (1986-1996; logo bispo de Trois-Rivières, Québec) e Jósef Tamás (desde 12/18/1996 ata hoxe).

[4] « Brittinoriensem, Ioannem Proni, iam Episcopum Thermulanum, Coadiutorem Excmi P. D. Pauli Babini, Episcopi Foroliviensis.» AAS 1970: 409.

[5] «Rev. John (Jack) Brewer (…) ordained titular Bishop of Britonia and appointed auxiliary Bishop of Shrewsbury 28 july 1971 at Stockport; translated 15 November 1983 to coadjuntor Bishop of Lancaster». Larsen, C. (2016), Catholic Bishops of Great Britain, Sacrity Press, Durham, p. 163.

[6] «Coadiutorem e.i.s. Exc.mi P.D. Briani C. Foley, Episcopi Lancastrensis, Exc.mum P.D. Ioannem Brewer, hactenus Episcopum titularem Britoniensem». AAS 1983: 1054.

[7] Os coadxuntores non podían ter sés titulares dende 1976.

[8] « Titulari episcopali Ecclesiae Britoniensi, R. D. Eduardum 0’Donnell, Vicarium Generalem S. Ludovici, quem deputavit Auxiliarem Exc.mi P. D. Ioannis May, Archiepiscopi eiusdem Sedis.». AAS 1984: 54.

[9] «Die 8 Novembris. ‒ Cathedrali Ecclesiae Lafayettensi, Exc.mum P.D. Eduardum Iosephum O’Donnell, hactenus Episcopum titularem Britoniensem et Auxiliarem archidiocesis Sancti Ludovico». AAS 1994: 1005.

[10] «Die 3 Decembris. ‒- Titulari episcopali Ecclesiae Brittoniensi R. D. Paulum Cieslik, Seminarii maioris archidiocesis Sedinensis-Caminensis rectorem, quem deputa vit Auxiliarem Coslinensis-Colubreganae diocesis». AAS 1995: 113.

[11] Esta identificación recóllese tamén nas enciclopedias católicas de Internet, como pode verse no seguinte enlace, no que, ademais dos titulares, relaciónanse os catro bispos residentes dos que temos firmas conciliares: Mahiloc, Metopio, Sonna e Bela: http://www.gcatholic.org/dioceses/former/t0344.htm.