*As imaxes votivas e a estela de Reigosa

A estela antropomorfa de Reigosa

A estela antropomorfa atopada no castro das Coroas de Reigosa (Santiago de Reigosa, A Pastoriza) é unha peza sen paralelos claros na estatuaria castrexa e galaicorromana da que temos noticia. Se ben o contexto no que apareceu atopáronse muíños de pedra e fragmentos de cerámica do Ferro II e da época galaicorromana, a factura desta estatua-menhir apunta a un estilo indíxena que se remonta á Idade do Bronce. Tense constancia de estelas antropomorfas en castros doutras partes de Galicia (Tins, Troitosende, Paradela, Bermés e Ouzande), pero todas no occidente, bastante lonxe do caso pastoricense, e con representacións e inscripcións que as afastan desta significativamente. Tampouco ten semellanza cos famosos “guerreiros galaicos” de época romana atopados á entrada dalgúns castros do sur da Gallaecia.

A estela de Reigosa mide 102 cm: 21 de cabeza, 44 de corpo e 37 de base para enterrar. Está feita a partir dun monolito -hoxe escindido pola metade- de pedra areisca calcaria. Presenta uns trazos moi esquemáticos, tanto no rostro coma no torso, e só está traballada por unha das súas facianas. Non ten forma fálica, carece de representacións de armas -motivo moi frecuente tanto nos petróglifos do bronce coma nos guerreiros galaicoromanos- e tamén carece de inscripcións -típicas das estelas do periodo romano-. Malia estas diferenzas, polo seu estilo e contexto de achado, Felipe Arias Vilas, quen lle dedicou un artigo tralo seu descubremento, considera que debe enmarcarse, coa debida prudencia, no grupo de estelas antropomorfas de carácter funerario do periodo galaicoromano ao que pertencerían as arriba citadas, e que se concentran sobre todo no interior da provincia da Coruña e no norte da de Pontevedra [véxase o mapa da esquerda, en Arias Vilas, 1981].

  • Consulta o artigo de Felipe Arias Vilas, «Unha estela antropomorfa do Castro de As Coroas de Reigosa (Pastoriza, lugo)», Brigantium. Bol. Museo Arq. Hist. Coruña, 1981, vol. 2, pp. 257-265.

Outras representacións e usos rituais da época nesta zona

Os puñais de antenas de bronce, aparecidos xa a principios da Idade do Ferro I, representan, xunto coas lanzas, o principal armamento das sociedades castrexas, delatando a importancia do combate comunitario fronte ó valor individual aristocrático e ritual que as armas tiñan no Bronce Final. Agora, entre os obxectos rituais, de sacrificio, aparecen machadas votivas con profusas decoracións de animais (así o exemplar atopado nas últimas escavacións do Castro de Viladonga, na liña do de Cariño). Ainda que non se sabe con certeza en que consistían estes rituais, téñense realizado tentativas de reconstrución do proceso a partir dos espazos e utensilios atopados. Unha das olas cerámicas atopadas no Castro de Saa (Baltar, A Pastoriza), grande profusamente decorada no seu bordo -os fragmentos e a reprodución poden verse no CIN Bretoña-, pénsase que podería estar reservada para estes ritos. Por outra banda, no castro de San Cosme de Piñeiro, tamén na Pastoriza, atopouse unha gran pedra plana cun burato semcircular nun dos seus extremos que se ten asociado ás pedras formosas empregadas nas saunas do periodo, espazos que tamén terían unha función ritual. En todo caso, ao atoparmos nestes casos con elementos illados, polo momento é difícil concluir en firme o seu verdadeiro uso e fin.