Paleozoico medio (-490 / -370 Ma)

O Paleozoico medio subdivídese nos periodos xeolóxicos Ordovícico, Silúrico e Devónico, nomes das antigas tribus britonas que habitaban as rexións estudadas para definilos. Durante o primeiro deste periodos formouse a chamada cuarcita armoricana, a cal debe o seu nome á Península Armórica, a actual Bretaña francesa. Esta cuarcita é moi abundante no macizo ibérico pois cristalizou principalmente no borde do paleocontinente Gondwana no que se situaba gran parte da futura Iberia; se ben o lugar ideal para observala en Galicia é O Courel, tamén atopámola na Serra do Xistral e na Ponte Nova. Pola súa banda, moitas das formacións líticas que afloran na Serra da Capelada (granulitas con granate e clinopiroxeno, ecoglitas, etc.) relaciónanse coa existencia dunha forte actividade volcánica próxima entre hai 490 e 420 millóns de anos. Efectos deste vulcanismo e o contacto entre rexistros autóctonos e alóctonos poden verse na praia de Picón e a Costa Xuncos, así como en rochas volcánicas submarinas na praia de Espasante. Así mesmo, na Illa de San Vicente (Ortigueira) poden apreciarse afloramentos de Ofiolita de Moeche e esquistos verdes de hai 400 millóns de anos. Deste período datan tamén as Capas do Río Eo e os Sinclinais de Rececende e Vilaoudriz (A Ponte Nova). Un pouco posterior é a formación das chamadas Pizarras de Luarca, lousas negras e grises moi abundantes na nosa zona (Capas de Berduceo, Capas de Villamea, etc.), xunto ás cales téñense atopado fósiles de trilobites, graptolitos, moluscos, braquiópdos, algas, etc. Durante o Paleozoico medio os invertebrados diversificáronse nos mares e apareceron as primeiras plantas e fungos na terra. Polo demais, se, como vimos, durante o Proterozoico os días duraban aproximadamente 17 horas, no Paleozoico medio a velocidade de rotación da terra xa diminuíra ata as 21 horas/día. Ó final do Devónico producirase a primeira colisión entre os grandes paleocontinentes da época, Godwana e Laurasia, a cal marcará decisivamente a configuración do noso territorio.