Economía, artesanía e contactos comerciais

Fronte a unha idade do bronce centrada na produción de armas, na época castrexa destaca a diversificación e decoración dos complementos persoais: xeneralízanse os pendentes, os colares, as fíbulas, as fibelas e os brazaletes, e xa na primeira Idade do Ferro aparecen os torques de ouro, unha ornamenta que se dá tamén noutras zonas da península (León, Soria ou Tarragona) e Europa (González Ruibal 2006: 212; Prieto Molina 1996: 209), aínda que con diferenzas rexionais. A maior parte destas innovacións desenvólvense primeiro e con maior abundancia na costa suroccidental galaica, seguramente debido ós contactos comerciais marítimos co Mediterráneo, os cales fomentarían unha maneira de identificación social baseada na decoración da imaxe individual. Así mesmo, as diferenzas formais dos enxovais suxiren o cultivo de certas identidades e tradicións locais. As diferencias tamén verían dadas polos recursos ó alcance de cada castro: os das rías, ademais de acceder ao comercio de produtos exóticos de prestixio (os cales redundarían, sobre todo na II Idade do Ferro, nunha maior xerarquización da sociedade), tamén explotan outros recursos costeiros coma o estaño, o pescado e o marisco; pola súa banda, outros castros explotaban minas de ouro, moi abundantes en todo o noroeste, e especialmente no oriente galaico. O que compartían a maioría das comunidades castrexas era unha economía de subsistencia agraria, polo xeral autárquica, na que se cultivaban cereais e legumes (trigo, millo miúdo, avea, cebada, fabas, centeo, etc.), e se pastoreaban os animais aínda hoxe típicos do rural galego (ovellas ‒máis abundantes nas rías baixas; a súa lá tamén servía para produción de vestimentas‒, cabras, porcos e vacas ‒máis abundantes no norte galaico; empregadas tamén como forza de traballo e na produción de leite e derivados‒). Arquitectonicamente non se perciben grandes diferenzas sociais entre as familias dun mesmo castro ata a II Idade do Ferro. En canto ás armas, a principal novidade do Ferro I vén representada polo puñal de antenas, de factura similar ás espadas de lingua de carpa: González Ruibal (2006-7: 222s.) distingue varios tipos, entre os cales o de Villalba.

Durante a transición á segunda Idade do Ferro aumenta o comercio púnico no suroeste galaico. A aparición dunha estrutura rectangular nun contexto do s. V a.C. do castro da Lanzada (unha tipoloxía que non volve aparecer ata finais do s. II a.C.), así como dunha sorte de santuario en Cabo do Mar (Vigo), suxire que os semitas puideron asentarse periodicamente nalgúns castros da costa pontevedresa. Na Lanzada atopáronse tamén algúns dos primeiros vestixios de escritura (púnica neste caso) no noroeste. A xulgar pola abundancia de ánforas, o alcohol debeu xogar un papel importante no comercio litoral, principalmente o viño mediterráneo (vid. Estrabón III.3.7). Estas importacións penetran algúns km no interior, pero apenas se ten constancia delas en Ourense e Lugo. Así mesmo, os comerciantes dalgúns castros da costa pontevedresa puideron establecer contactos cos das Illas Británicas xa que en Monte do Castro (Ribadumia) atopouse un caldeiro de bronce de emprego ritual con paralelos británicos.

Na Ría de Ribadeo atopouse recentemente unha ánfora grega de factura do s. VI a.C. que, de confirmarse, constituiría a peza deste tipo máis antiga de todo o cantábrico, suxerindo que o comercio fenicio-púnico tamén chegara á Mariña lucense na Idade do Ferro I. Deste período datan torques coma o de Rendar (O Incio), fragmentos de caldeiros de bronce como os atopados no Castro do Tallo (Ortigueira) e quizais a oliña de seis asas recuperada no nivel antigo do Castro de Viladonga xunto co machado de talón con catro anelas (probablemente do Bronce Final), exemplares únicos e arcaicos que na época galaicorromana puideron recibir unha segunda vida ritual.

Contexto universal

A fundición de ferro comezou no sur do Cáucaso e en Anatolia a finais do II milenio a.C., estendéndose a zonas de Exipto, Mesopotamia e o val do Indo pouco despois do chamado «colapso do Bronce Final» co que se sinala a desaparición das prósperas sociedades micénica, hitita e casita. Esta nova metalurxia, así como as técnicas de escrita que practicaban os seus cultivadores, expandirase ó longo do I milenio a.C. cara Europa, Asia e o Norte de África; non así a América ‒onde sen embargo xeneralízase a agricultura e prosperan sociedades como a Olmeca (Mesoamérica) ou a Chavín (Perú)‒ nin a África subsahariana ‒onde entón se desenvolven culturas como a Nok (Nigeria) ou a Bantú (África central e meridional)‒. Durante a Primeira Idade do Ferro (800-400 a.C.), en tempos de Confucio redáctanse en China as primeiras crónicas que recollen a historia da antiga dinastía Zhou; na India, tralo período védico (que desaparecerá en tempos de Buda) florece o brahmanismo e a literatura sánscrita dos Upanishads; en Oriente Próximo, domina nun primeiro momento o Imperio neoasirio, logo os imperios medo e babilónico, e finalmente o Imperio persa aqueménida (ca. 500 a.C.); ó norte do mar Caspio, expándense entón os escitas das estepas eurasiáticas. O Imperio exipcio xa perdera parte do seu esplendor e influencia e pasara a mans dunha dinastía de orixe libio. Na zona de Canaán (actual Palestina-Israel) viven entón algún dos personaxes que forxarán o Antigo Testamento (Ezequiel, Isaías, Daniel, etc.), mentres que na Xonia grega traballan os primeiros xeómetras-filósofos (Tales, Anaximandro). A partires do s. VIII a.C., dende Centroeuropa irradia a Cultura do Hallstatt e nas Illas Británicas xeneralízanse asentamentos en alto (hillforts) semellantes ós castros. Pola súa banda, os fenicio-púnicos, cuxas colonias chegan ata a Península Ibérica, dominan o Mar Mediterráneo; mais os gregos pronto lle disputarán esta hexemonía: en tempos de Homero e Hesíodo (ss. VIII-VII a.C.) fundan as primeiras colonias en Italia (a Magna Grecia) ‒onde entón florecía o pobo etrusco e onde algunhas tribos latinas comezarían a xuntarse en torno ó que será Roma‒, e, en tempos de Pitágoras (s. VI a.C.), os foceos fundan Ampurias no territorio ibero da Costa Brava, a primeira colonia grega da Península Ibérica. A través desta rexión do nordeste peninsular penetrara tamén a chamada cultura de Campos de Urnas, cuxo sistema funerario de incineración será común a varias sociedades peninsulares da primeira Idade do Ferro, particularmente da meseta, nas zonas de Soto de Medinilla e celtibérica, sociedade que xurde neste período como resultado da interacción entre os celtas ‒chegados probablemente do sueste galo‒ e os iberos do levante peninsular. Ó igual que os coetáneos castrexos galaicos, os celtíberos constrúen os seus poboados en outeiros defendidos, se ben diferirán en algúns aspectos.

Polo demais, desta primeira Idade do Ferro datan tanto os primeiros vestixios de escrita na Península Ibérica ‒ as inscricións fenicias e gregas (dende o s. VII a.C.), as «tartésicas» ou do suroeste (h. s. VI-V a.C.), e as iberas (dende s. V a.C.), a maior parte delas en zonas costeiras do sur‒ como as primeiras mencións protohistóricas a pobos e rexións peninsulares, principalmente feitas por gregos (Estesícoro, Hecateo, Heródoto, Píndaro, etc.) en referencia á zona de Gades e Tartesos, no suroeste, onde se localizarían as míticas Columnas de Hércules tras das cales abríase o misterioso Océano Atlántico.

La imagen tiene un atributo ALT vacío; su nombre de archivo es mapas-1.jpg
Colonización griega del Mediterráneo y el Mar negro (s. VII-VI a.C.) [tomado de http.cens30primercurso.blogspot.com]; Expansións da Idade do Ferro (tomado de Carlos Azur: http://carlosazur.com/?p=305)