Idade do Ferro I (-2.750 / -2.400)

A aparición dos castros

A diferenza das aldeas máis ou menos abertas que dende o Neolítico ata a Idade do Bronce caracterizaban o Noroeste peninsular, os poboados da Idade do Ferro desenvolven unha defensa pétrea de considerable entidade. A aparición das primeiras citânias portuguesas, coma a de São Julião de Caldelas, remóntase a finais do século X a.C. Preto destas, o castro galego que aportou as datas máis antigas é o de Torroso (en Mos, Pontevedra), ocupado dende finais do século IX a.C. e monumentalizado entre os séculos VIII e VII a.C., nunhas datas coetáneas ó castro asturiano de Chao de San Martín (González Ruibal, 2006-7: 157).

A cultura castrexa xurdida entre o noroeste lusitano e o suroeste galaico estenderase en apenas un par de séculos ó norte e o oriente galaico: algúns dos poboados fortificados máis antigos desta zona son os de Penarrubia de Orbazai (preto de Lugo), erixido nun outeiro pouco prominente nun momento indeterminado entre os séculos VIII e VI a.C. (González Ruibal, 2006-7: 159 a partir de Arias Vilas, 1979), e os castros costeiros de Concepenido e O Tallo (Estaca de Bares, Ortigueira). Sen embargo, mentres nalgúns castros costeiros da primeira Idade de Ferro (principalmente do sur de Pontevedra) comezan a construírse con pedra tamén as vivendas, no interior galaico perpetuaranse algúns séculos casas máis pequenas feitas con materiais perecedoiros (o punto máis interior da Idade do Ferro I no que se desenvolve a vivenda pétrea é o do Alto do Castro de Cuntis). Esta tipoloxía de poboado con defensa pétrea e casas de materiais perecedoiros é semellante á dos coetáneos ‘hillforts’ de Gran Bretaña. A xeneralización da pedra na construcción das vivendas nos castros galaicos darase na segunda Idade de Ferro (ca. 400-50 a.C.). Este novo modelo de poboar e parcelar o territorio, así como o emprego de materiais máis duradeiros, redundarán nunha maior conciencia da propiedade e da herdanza que fortalecerá a estruturación social en familias e xefaturas; ademais, a defensa perimetral do castro favorecerá a identificación dun «espazo común» no interior do mesmo, a reorganización dos rituais estacionais e a dilatación dos parentescos inter-xeracionais.

Continúa co contexto cultural e as características artesanais do periodo en: Economía, artesanía e contactos comerciais.