Epipaleolítico (-10.000/-8.000)

A propagación dos bosques durante a mellora climática do Holoceno permitiu o acceso a unha maior variedade de froitos, ademais de favorecer a expansión dos cervos e xabarís, principais recursos cinexéticos da zona xunto co corzo. Pola súa banda, sube o nivel do mar (entón 32 m por debaixo da liña actual: as rías de hoxe non eran daquelas máis que vales fluviais), producindo unha maior presión demográfica na costa e provocando a procura de novos recursos, dando comezo ao consumo de mariscos e peixes, como se constata no asentamento de O Reiro (Arteixo). A colonización arbórea comeza con especies de tipo boreal coma o bidueiro e o pino, axiña substituídas por outras de tipo atlántico. A expansión da carballeira prodúcese hai 9500-8500 anos, desenvolvéndose ao final desta fase a abeleira.

Neste contexto rexístranse asentamentos de ocupación continuada nas Serras da Toxiza e do Xistral, principalmente nas áreas de Arnela, Xestido e Curro Vello (Abadín), a gran maioría en ladeiras que miran ó Sur (e ó Oeste en menor medida) para aproveitar o calor dos raios solares. Nos abrigos parece importar máis a dominación visual das vías de comunicación e a protección do vento que o acubillo das chuvias, o que suxire o emprego dun probable sistema de protección artificial a modo de choza. Ademais, nalgúns xacementos documéntase a acumulación de fentos para illarse da humidade do chan. Perfecciónase a industria microlaminar e xeométrica feita en cuarzo e cristal de roca, e as representacións esquematízanse e incorporan a figura humana.Mediante o emprego do lume conducíanse ós ungulados ós espazos abertos (ás veces clareados artificialmente mediante talas ou incendios) para cazalos con maior facilidade. Como novidade respecto do Magdaleniense, os achados corroboran o emprego do arco e a domesticación do can. Ademais, o descubrimento dos ósos da «pastora Elba» no Courel xunto a tres uros (rumiantes extintos máis grandes que os touros) suxire a domesticación de grandes mamíferos. Por outra banda, a análise xenética de Elba, datada en 9.300 anos, demostrou que era de pelo e pel escura, así como intolerante á lactosa. Semellante aparencia tiñan os homínidos noutros puntos de Europa, e tamén na actual illa de Gran Bretaña (entón unha península anexa ó continente), onde recentemente analizouse o ADN do chamado «Cheddar Man».