Idade do Ferro II (-2.400 / -2.025)

Evolución dos castros

O comezo da segunda Idade do Ferro vén marcado por un cambio na localización dos castros: moitas comunidades galaicas abandonan os outeiros destacados na paisaxe para asentarse nos vales (xeralmente a media ladeira, ocupando entre unha e dúas hectáreas), próximos a prados fértiles e profundos que permiten ciclos de rotación cortos; isto comporta unha modificación máis intensa da contorna para adaptala a unha fortificación con menor apoio en formacións naturais e maior número de defensas, especialmente na entrada (na Terra Chá carecen de recintos moi elaborados; dótanse, polo xeral, dunha única muralla de terra).

Entre os séculos VI e IV a.C. abandónanse boa parte dos castros que floreceran no suroeste galaico durante o Ferro I (Vasconcelos, Torroso, Penarrubia no s. VI a.C.; Neixón Pequeno, As Croas, Saceda antigo e Santa Olaia ‒o asentamento púnico máis setentrional‒ no s. V a.C) e outros sofren unha intensa remodelación. A finais da segunda Idade de Ferro, no período inmediato á romanización (fin s. II a.C.), aparecen os primeiros oppida como resultado da fusión de varios castros, a maior parte deles tamén no suroeste galaico (Terroso, Briteiros, Santa Trega, Lánsbrica, Sanfins, Saceda, Castromao, Vigo, Alvarelhos, Troña, Armeá, Cerdeira, etc.). Un dos principais factores que propiciou o cambio foi o aumento demográfico, manifesto nun maior número de castros activos durante o Ferro II (os datos para algunhas comarcas de Pontevedra indican que os castros fundados neste período constituirían preto do 70 % do total). A densidade arqueolóxica é de aproximadamente 1 castro cada 15-20 km2, calculándose unha media de entre 3 e 9 habitantes por km2, dependendo da rexión (dentro dos castros, neste período tamén aumenta a densidade de vivendas e a diversidade dos recintos). Nunha boa porcentaxe deles (ca. 30%) hai rastros de romanización. Inversamente, moitos dos castros mindonienses escavados que floreceron durante o período de dominación romana presentan rastros de ocupación previa: así Viladonga (Castro de Rei), Castro de Saa (A Pastoriza), Fazouro (Foz), Punta dos Prados (Ortigueira), etc. En xeral, as vivendas mindonienses do Ferro II continúan tradicións do Ferro I, con base de pedra e alzado vexetal, e unha menor densidade que no occidente e suroeste galaico. Algúns dos xacementos máis estudados para este período atópanse nos seus límites: Borneiro e Elviña polo oeste e Coaña polo leste. Polo demáis, a maiores da agricultura e a gandería, a recolección e a caza seguían a ter un papel importante. En castros de costa como Punta dos Prados (Ortigueira) o molusco máis consumido era a lapa, seguido do mexillón e o berberecho. As especies de peixes máis consumidas estarían ó alcance da pesca de liña e de praia (maioritariamente a maragota e a faneca), pero tamén se rexistran especies cuxa pesca exixe embarcacións (pescada, xurelo, etc.).

Nos catálogos de castros da Wikipedia correspondentes a Lugo e A Coruña recóllense máis de 900 por provincia; aínda que a maioría están sen escavar e non todos tiveron unha ocupación simultánea, a cifra axuda a comprender a súa abundante pervivencia na toponimia, favorecida tamén pola particular distribución territorial galega: a voz «O castro», con 164 casos (se contamos os compostos e a microtoponimia, ascenderían a máis de 2000) é a terceira máis común nos topónimos españois, só por detrás de A igrexa e O outeiro, tamén galegas.

Tradicións arquitectónicas orientativas do Ferro II (González Ruibal 2006-7: 361)