VI. Antecedentes dos estudos britonienses

Pioneiros no estudo e conservación do patrimonio mindoniense-britoniense

O patrimonio cultural galego en xeral, e o que se divulga no centro de interpretación de Bretoña en particular, non se entendería sen o traballo pioneiro que levaron a cabo nos séculos XIX e XX os arqueólogos e museólogos José Villa-amil y Castro (1838-1910) e Manuel Chamoso Lamas (1909-1985). Ademais de contribuír de maneira decisiva ó estudo e conservación do patrimonio galego na súa máxima extensión, ambolos dous se interesaron de maneira especial pola historia da diocese britoniense, e ambolos dous efectuaron escavacións na igrexa parroquial de Bretoña. Por estas razóns, o CIN Bretoña reserva sendos espazos para a reivindicación do seu importantísimo traballo.

Antecesores no estudo da diocese britoniense

“…ninguna de las Iglesias referidas en los tomos precedentes me dio tanto que hacer para afianzar sus memorias”

Henrique Flórez en De las Iglesias Britoniense, y Dumiense, incluidas en la actual de Mondoñedo (España Sagrada, tomo 18, 1764)

Dende o século XVI, foron moitos os autores que fixeron aportacións a diferentes aspectos da historia de Britonia, pero só uns poucos elaboraron monografías amplas sobre ela. Lamentablemente, os primeiros traballos centrados nesta diocese están atravesados por interpretacións pouco críticas e numerosas invencións dos falsos cronicóns que proliferaron a comezos do século XVII: así sucede coas obras de Gregorio Argaiz e Antonio Calderón, nas que sen embargo se apuntan numerosas ideas que a historiografía actual tende a aceptar. A crítica de Enrique Flórez aos seus excesos será implacable: a este insigne historiador debemos o primeiro gran traballo sobre a historia do bispado britoniense, en gran medida deudor do exhaustivo informe que fixo para el o mindoniense Francisco A. Villaamil y Saavedra. Moi importantes son tamén os volúmenes da España Sagrada dedicados ao bispado de Lugo e á rexión dos astures transmontanos, ambolos dous realizados por Manuel Risco, pois neles se estudan amplamente numerosos aspectos da historia britoniense. Durante o século XIX, o principal estudoso da historia britoniense e mindoniense é, sen lugar a dúbidas, José Villa-amil y Castro, a quen xa mencionamos no apartado anterior, pero tamén neste periodo empezarán a interesarse pola historia britoniense en países coma Inglaterra e Francia (así os historiadores A. W. Haddan ou B. Plaine). Xa no século XX, destacan os estudos de Pierre David sobre o Parroquial suevo e a alta Idade Media no noroeste (1947), as escavacións de Chamoso Lamas xa citadas, e os traballos sobre a Historia de Bretoña de Antonio García y García. En 2002 aparecerá o importante traballo de Simon Young “Britonia: camiños novos”, e recentemente, no 2019, a exhaustiva tese doutoral de Carlos Andrés González Paz sobre o bispado de Mondoñedo na Idade Media: boa parte dela está dedicada ás orixes britonienses da súa xurisdición.

Xunto aos documentos propiamente históricos nos que se fala da diocese britoniense (o Parroquial suevo e os concilios de Braga), o visitante ten a súa disposición no CIN outros máis recentes cos que se ilustra o progresivo coñecemento que se foi adquirindo na modernidade acerca da diocese britoniense, así como as diferentes teorías que se formularon sobre a súa orixe e localización antes de que Chamoso Lamas levara a cabo as campañas arqueolóxicas en Bretoña no século XX.