A música

Algúns dos instrumentos tradicionais da música galega, como a gaita e a pandeireta, estaban presentes nas Cantigas de Santa María da Baixa Idade Media xunto con outros instrumentos como a zanfona, a arpa, o laúd, a viola de arco, as castañolas, as frautas ou as trompetas. Ó contrario de moitos deles, a gaita conserva na actualidade a súa presenza habitual na música e nas festas destas terras. En Fonmiñá, e logo na Ribeira de Piquín, montou o seu prestixioso taller de gaitas Xosé Manuel Seivane Rivas (1921-2012), abó da coñecida gaiteira Susana Seivane. E, no mesmo periodo, en Bretoña tivo bastante sona o gaiteiro Daniel do Roxo, renovador de varios temas tradicionais. Como testemuñan os seguintes apuntes etnográficos de Lence-Santar escritos nos anos 1938-1939, A Pastoriza, e particularmente Bretoña, foi berce de moitos gaiteiros de renome dende hai moito tempo.

«N-os derradeiros anos d’o sigro pasado tiveron grande e merecida sona os gaiteiros Lerín, de Fanoy, y-o Xugo, de Cangas. / Finados iles, apareceu Curuxeiras, d’a Rigueira d’Estoa. / Curuxeiras tivo unha comparsa de gaita, clarinete ‒tocado por Pepe d’o Regimento‒, tambor e bombo. Inda que non foi un gran gaiteiro, non deixaba de tocar algunhas cousas goapas, como a muiñeira qu’íl chamaba a Villalbesa. Pro Curuxeiras tíñase por un maeso n-a gaita. Por eso, de cando en vez, decía n-as festas, moy entestoado: “Cando veu Ventosela a Mondañedo, toqueille a Villalbesa, e desque acabei de tocar, díxome: ‘O primeiro gaiteiro d’o mundo son-o eu; pr’o segundo, érelo tí, Manuel.” Tocou Curuxeiras en cantas festas sonadas había dendes d’a Feira de Castro hastra máis aló de Navia, d’as Esturias, finándose d’un solazo. […] En Pastoriza, en Abadín y-en Riotorto hay moitos, pro moitos rapaces, que tocan a gaita, ora que s’atopan n-a guerra os máis d’eles. N-a parroquia de Lagoa son nove os gaiteiros, e n-a de Bretoña, pasan de dezaseis. / As gaitas d’os de Bretoña son tonibales; pro a maor parte d’as d’a terra de Mondañedo, son grilleiras. / Teñen sona de tocar moito ben, n-o concello de Pastoriza, Hilario d’a Cura, e de Padredo, en Bretoña; Val e un seu fillo, de San Martiño d’os Cucos, y-o fillo de Binitiño, de Gueimonde.»

«N-as misas de Saldanxe e Lagoa, aló pol-os anos de 1878 a 1895, tocab’a zanfona a popular Pepa d’o Queixo, de Bretoña, que foi a derradeira que tocóu iste estrumento, d’a terra de Mondoñedo. / N-a misa de Saldanxe tocóu tamén e n-a de Villarente, moitos anos, a sonada comparsa de Coruxeiras, d’a Rigueira D’Estoa, que se compoñía a gaita grileira, clarín, bombo e tambor. / E n-a misa de Romariz tocóu sempre, hasta que finóu, Lerín, o gaiteiro de máis sona d’a dita terra de Mondañedo. / En todal-as ditas festas do San Joan n-hay casa que non teña comida a vao e d’a millor que se poda facer. / N-as casas d’os concellos de Abadín e Pastoriza ‒os máis enxebres d’a terra de Mondañedo, tanto n-a fala coma n-as costumes‒ poñen grandes fontes cheas de carne fresca, xamón, lacón, soá, dente, cachola, lengoa, uña, e touciño de tres frebas, queixos patelos e tamén de bico u San Simón; mel e manteiga, requesón e millos. […] En Lagoa, Saldanxe, Romariz, Castromayor e Villarente báilase sempre a muiñeira; y-hay quen repinica n-ela de tal xeito, que mesmo dá xenio velo. / En Lagoa teñen sona de beilar moito ben a muiñeira, Manuel d’as Rozas, José de Castro, Remedios de Carracedo e Marica Antoña de Bouza. Cando iles beilan, inda que xa van vellos, todo dios queda embebido. Hastra hay unhos vinte anos, n-o San Joan d’as ditas parroquias había grandes filateiras. N-o San Joan de Lagoa, un ano, a mocedá d’esta parroquia, a eso d’as cinco d’a tarde, botou fora a cantazo a de Cadavedo.»

«O pandeiro de Zoñán, Estelo, Tronceda, Labrada, Romariz, Montouto y-outras partes, arrumbaba tanto y-era redondo coma unha criba: estaba cuberto de pél d’ovella ou de carneiro e tiña arrecouchos tod’ô redor. O pandeiro de Viloalles era cadrado, tiña d’altor como cousa de tres dedos, tiña drento unha ou duas campaíñas e duas cordas de guitarra, e taba tamén cuberto de pél d’ovella ou de carneiro. / O de Riotorto, Val de Lorenzana e Pastoriza, era cadrado tamén. / Xa n-hay ningún pandeiro n-a terra de Mondañedo».

«A randea é un atavío de madeira, composto d’un pau d’unhos cinco metros de largo, chamado veo, que xira enriba d’un forte chanteiro ‒de metro e medio d’alto‒ cuyo espigo se mete n-un furado d’o medio d’él. En cada punta d’o veo pónse unha ou duas presoas. Dase o caso de os d’o veo, xa seña por descabalgar iste xa seña por descoidarse iles, can ô chan, esnafrando algús os fuciños, ou pinchando os dentes, ou esnogando un brazo, ou quedando morto algún, coma sucedeu en Quende, non fai moitos anos. As caídas causan sempre gran ledicia ôs demáis d’a festa. Móvese a randea con soyo empuxala unha vez. […] N-a Rigueira D’Estoa e n’outras parroquias de Pastoriza, hay randea dendes d’o rente d’o San Xoán ôs primeiros días de Santiago, pol-o día e pol-as noites, os días santos, e pol-as noites, os días de traballo».