A Pastoriza de Ebeling e Santar (anos 30)

A Pastoriza a comezos do século XX. Fotos de Walter Ebeling e etnografía de Eduardo Lence Santar

Despois de presentarse oficialmente en París no 1839, os primeiros daguerrotipos chegaron a Galicia da man do suízo Enrique Luard Falconier, quen exercía na Coruña. A mediados do século XIX abrirán os primeiros estudos fotográficos Andrés Cisneros e María Cardarelly en Santiago de Compostela, e, ó longo da segunda metade do s. XIX, irán aparecendo fotógrafos profesionais no resto das cidades galegas. Entre as pioneiras da Provincia de Lugo destacan Antonia Santos e Filomena Díaz, en Mondoñedo; os irmáns Ínsua, en Viveiro; e Maximino Reboredo (nado en Outeiro de Rei), en Lugo. Ben porque morreron prematuramente (coma no caso de Maximino e os Ínsua), ben porque non se conserva case nada da súa produción (caso de Antonia Santos), durante estas primeiras décadas de existencia semella que poucos fotógrafos pasearon o seu obxectivo por esta rexión do rural lucense. A situación mudará a comezos do século XX grazas ó traballo tanto de fotógrafos locais coma o mindoniense (nado en Viveiro) Santiago Pernas Salazar ou a becerrense (nada en Castro de Rei) Maruja Roca, como de fotógrafos estranxeiros.

Un dos primeiros fotógrafos en retratar amplamente o mundo rural do interior lucense foi o etnógrafo alemán Walter Ebeling, quen entre 1928 e 1933 percorreu o nordeste galego, dende Lugo a Fonsagrada pasando por A Pastoriza, da man do gaiteiro Manuel Otero. A súa produción destes anos publicouse no libro ‘A terra e os homes: Fotografías de Walter Ebeling (1928-1933)’, do cal proceden estas imaxes da Pastoriza (concretamente da parroquia de Reigosa) e Riotorto.

Contemporáneos das fotografías de Ebeling son os estudos etnográficos do Norte de Lugo publicados por Eduardo Lence-Santar Guitián (1879-1960) baixo o título «Folklore Gallego» en El Compostelano. Segundo o académico da USC Claudio Rodríguez Fer, estes traballos constitúen a prosa galega máis importante do trienio bélico. Neles, Lence-Santar fala con frecuencia das xentes e costumes da Pastoriza. As seguintes pasaxes proceden da compilación feita por Armando Requeixo en Etnografía mindoniense, 2000.

«[Os peineiros] Son-os que fan peines pra tecer. / Soyo hay dous peineiros n-a terra de mondañedo. Un d’iles é Pedro Moirón, de Mourelle, parroquia de Bretoña, y-o outro, Manuel María Moirón, de Aldurfe, en Riotorto, primo d’íl. / Pedro Moirón adeprendeu o oficio con seu pai, Rosendo Moirón e d’o abó, José Moirón. Manuel María Moirón, ôs catorce anos, deprendeu con seu pai, José María Moirón, e iste, con Pedro Moirón, pai d’o mesmo. / Pra traballar, teñen os peineiros un banco, navallas, ou señan coitelas; a plana, o escarnador, un martelo y-unha brosa. Os peines son tiras de cana d’unhos dous milímetros d’anchor e dez centímetros d’alto, postas unha diante as outras, soparadas unhos dous milímetros e suxetas pol-as puntas entre duas tiras de capa nudenta, âs qu’están amarradas con fío empezado; tendo os peines, en cada punta, diante d’os dentes, dous paus cadrados, como de medio centímetro de groso, o primeiro d’os cales se chama cabeiro, y-o que lle sigue forzal. / A cana cócese en auga con cinza. / Un peineiro pode facer tres peines ô día. / Hay peines dendes de tres a dez pesetas, asegún o largor de cada un. / O Manuel María Moirón fai ô ano douscentos ou máis, e compón moitos. / Hay peines de sayal, de sabas, de colchas, d’estopa, de candil e de sacos. / Os de sayal teñen vinte ducias de dentes e noventa centímetros de largor; os de sabas, cincoenta ducias e noventa centímetros; os de colchas, trinta e oito ducias e noventa centímetros; os d’estopa, vinteseis duceas e satenta e catro centímetros; e os de candil, vinte duceas e sasenta e cinco centímetros.»

Eduardo Lence Santar, 16.11.1939

«O sayal é un pano de lá groso, que torna moito o frío y-a y-auga e dá moita quentura. Úsase no concelo d’Abadín, n-o de Pastoriza, n-o Pereiro, n-as Oiras, Vilacampa e n-outras parroquias d’os concellos d’Alfoz e Valdouro, coma Adelán e Lagoa. […] D’o sayal fanse chaquetas, chalecos e calzós pr’os homes e mantelas e sayas pr’as mulleres. […] Hay sayal cardoso e sayal mouro. A urda e mail-o tapumeu son de lá. De tecido lévase ô batán pra que bote pelo e se tupa. Si é de boa lá, foi ben tecido e tomou ben o batán, é moy galano e dura moitos anos. / Noso amigo D. Ricardo Paz, de Lagoa, no concello de Pastoriza, tén unha chaqueta de sayal cardoxo, que mesmo namora vela. Co-ela pasa de cote, pol-o inverno a serra d’a Corda e n-o entala o sieiro, nin se molla, inda que choiva ás caldeiras. / D’o picote fanse sabas, ou seña sabas por baixo, e tamén sacos. A urda é de lenzo y-o tapumeu, de lá mais d’unha color. O candil é pra mantelas e mandiles. A urda é de lenzo y-o tapumeu, de lá d’unha color. Pol-os San Lucas, de Mondañedo, véndese sempre sayal, picote e candil».

Eduardo Lence Santar, 22.11.1939
Espasande de Arriba-Riotorto. Zoqueiro ou galocheiro traballando (Arquivo Ebeling nº523)

«Os zoqueiros son os que fan e venden as zocas ou van a facel-as pol-as casas. / Son moitos os que teñen iste oficio n-a terra de Mondañedo, especialmente n-os concellos de Pastoriza y-Abadín. / As zocas d’a terra de Mondañedo son as de máis proveito, pois tapan por compreto o pé e, pol-o mesmo, deféndeno d’a y-auga, d’a lama e d’o frío. / Fánse as zocas, d’amieiro e de vedueira; ora que as millores son as d’este pau. En Abadín e Pastoriza é onde mais vedueiras hay. Tantas son, que se ven n-os montes, n-as terras e n-os camiños. / Teñen os zoqueiros un banco de catro pés, d’unhos dous metros de largor por unhos vintecinco centímetros d’ancho. As ferramentas con que traballan son: Brosas, aixolas, allegres, trades, coitelos de dous rabos, gubias, coitelos, rebocadores, tronzadores, mazos de pau e ferros de brilar. / As zocas píntanas de mouro, con campeche e caparrosa ou con estrauto de campeche, e d’esque se secan, danles cera e logo, con brilador, póñenlles brilo. / Un bo zoqueiro, que traballe dez ou once horas por día, pode facer catro pares en cada un, ben rematados. Os catro pares valen nove pesetas; pro como a madeira e mail-a pintura pra eles vale duas, resulta que o zoqueiro gana un xornal de sete pesetas. / Hay zocas tan ben sacadas, tan galanas, que mesmo parecen zapatos de coiro».

Eduardo Lence Santar, 17.11.1939