“…ninguna de las Iglesias referidas en los tomos precedentes me dio tanto que hacer para afianzar sus memorias”
Henrique Flórez en De las Iglesias Britoniense, y Dumiense, incluidas en la actual de Mondoñedo (España Sagrada, tomo 18, 1764)
O feito de que gran parte dos historiadores que se ocuparon de Britonia durante o século XVII dera crédito ás ficcións dos falsos cronicóns supuxo un obstáculo para que se tomasen en serio ata os seus postulados máis razoables, como a identificación ‒aceptada xa por Juan de Mariana e Prudencio de Sandoval‒ da diocese de Britonia coa actual Bretoña. O erudito Gregorio Mayans rexeitouna nunha polémica de 1737 contra o Bispo de Mondoñedo, alegando que non había máis probas que «o son das voces semellantes». Pouco despois, sen embargo, o insigne historiador Enrique Flórez, apoiándose no rigoroso informe de Villaamil y Saavedra (Noticias de la Santa Iglesia de Mondoñedo, 1763), concluíu que existira unha diocese nas inmediacións de Bretoña que se debía identificar tamén coa chamada “laniobriense”, que trala invasión musulmá trasladouse á actual San Martín de Mondoñedo ‒onde estaba refuxiado o bispado de Dumio‒, e que finalmente se establecera no Val de Brea (actual Mondoñedo). Estes desprazamentos, sumados a tantas invencións e confusións, complicou de tal modo o pasado da diocese que o autor da monumental España Sagrada manifestaría no seu tomo 18 que ningunha outra historia eclesiástica lle supuxera tanto traballo.