«Na mesma Hispania están os pobos galaico e ástur: teñen unha raza de cabalos ós que chamamos tieldóns; crían tamén outros de menor alzada chamados asturcóns, que non teñen un paso común ó correr, senón unha marcha suave, porque botan as patas do mesmo lado alternativamente; de aquí que se ensine ós cabalos a arte de trotar a este paso»
Plinio, Naturalis Historia, VIII.166
O cabalo ten pouca presenza na iconografía do Ferro do Noroeste ibérico se a comparamos coa produción da Meseta, onde constituíu un indubidable símbolo de prestixio; o cal non quere dicir que o seu uso fose inexistente nestas terras. Recentes estudos de arqueozooloxía apuntan a que Iberia puido ser, xunto cas estepas eurasiáticas, un dos focos máis antigos (calcolíticos) de domesticación equina; sen embargo, a monta é unha práctica posterior cuxa orixe está suxeita a polémica, habéndose difundido amplamente por Europa, en todo caso, durante a Idade do Ferro, probablemente a partir dos escitas. Na Galicia actual aínda existe a tradición de manter os cabalos en liberdade no monte e recollelos unha vez ó ano para marcalos e hixienizalos (a famosa Rapa das Bestas, practicada tamén no Campo do Oso de Bretoña). Segundo Alfredo González Ruibal (2006-7: 400), este tipo de cría podería explicar que na Idade do Ferro galaica o cabalo non chegase a ser un elemento de status, xa que a súa posesión apenas implicaría gasto.
A pouca presenza dos cabalos na iconografía do noroeste (o exemplar máis insigne con este motivo sería a «Diadema de Moñes», Asturias, s. III-II a.C.) contrasta coas varias noticias que os autores romanos legaron das súas razas. Pola abundancia de cabalos que atoparon na rexión de Lisboa, idealizada por Polibio, xa Varrón (Agr. II.1.19) trasladou á raza lusitana o mito homérico de que as eguas eran fecundadas polo vento. Apiano (Ib. 62) sinala que os cabalos do lusitano Viriato eran máis áxiles e veloces que os romanos. Pola súa banda, Plinio (VIII.166) recolle que os galaicos e os ástures criaban dúas razas de cabalos: os tieldóns (ou galaicos, seguramente empregados para o transporte) e os asturcóns (cunha forma de trotar pouco común). Estes últimos, apreciados por Séneca e Marcial, chegaron a poñerse de moda entre emperadores como Nerón (Suetonio 46.1); mentres que Gratio (Cin. 514-7) estendería poeticamente o apelativo galaico ás razas ecuestres que habitaban os cumios rochosos de todo o cantábrico ata os Perineos. Co paso dos séculos, os cabalos da antiga Península Ibérica foron mesturáronse ou extinguíronse (quizais coa excepción da raza lusitana). Así, segundo Pascual Barea (2008: 134), os actuais ponis galegos e os asturcóns do Sueve, entre outras razas ibéricas, procederían do cruce dos antigos tieldóns con outros tipos de cabalos coma os ponis británicos.
«Os cabalos dos ástures son pequenos e non notables na batalla; sen embargo, deambulan sen axitar ó seu xinete, e con pescozo dócil poden arrastrar unha carruaxe con rapidez en tempos de paz»
Silio Itálico, Púnica III.325-339
«Por cabalos galaicos é percorrida a rochosa Pirene. Con todo, non me atrevería a entrar en combate cun cabalo hispano <de guía>: polos pedregais apenas ceden as súas bocas tenaces ó ferro»
Gratio, Cinexética, 514-7