O Lugnasad, «asemblea de Lug», era unha antiga festividade irlandesa en honor ao deus celta Lug celebrada o primeiro día de Agosto. As noticias máis antigas que falan dela atópanse na literatura medieval. O bispo irlandés Cormac ua Cuilennái escribiu cara o ano 900 que o Lugnasad era unha «festa levada a cabo polo deus ao comezo da colleita». Segundo o ‘Lebor Gabála Érenn’ tratábase dun ritual instaurado por Lug para enterrar á súa nai Tailten, quen morrera de fatiga tras talar o bosque para facer pastos. Así, nos ‘Dindsenchas métricos’ lese: «Ela [Tailtiu] morreu nas calendas de agosto / un luns do día de Lugnasad de Lug / arredor da súa tumba despois deste luns / ten lugar a primeira asemblea da fermosa Ériu [Irlanda]». Ó parecer, o Lugnasad era a festa coa que culminaban os importantes Óenach Tailten celebrados en Tailtin (actual condado de Meath, Irlanda), unha especie de xogos atléticos e musicais durante os que se proclamaban leis e celebraban alianzas matrimoniais.
Fora de Irlanda non existen testemuñas literarias da antiga celebración do Lugnasad, mais si dalgunhas divindades de nome semellante. A hipótese de que o irlandés Lug é un deus pan céltico reside en que o seu nome compartiría raíz co Lugus adorado na Celtiberia (inscrición de Peñalba de Villastar) e na Galia (inscrición de Chamalières), así como co Lleu Llaw Gyffes que aparece no ciclo mitolóxico galés ‘Mabinogion’. O termo galés ‘lleu’ significa «luz, brillo», o que levou a que algúns autores identificasen o Lug irlandés con un deus do sol; sen embargo, o antigo irlandés ‘luge’ (galés ‘llw’) significa «xuramento». Os epítetos máis frecuentes que acompañan ó deus Lug no Ciclo Mitolóxico medieval irlandés son ‘Lámfota’ («de brazo longo», quizais referido á súa faceta como gobernador que imparte xustiza), ‘Ildánach’ ou ‘Samildánach’ (que ten moitas habilidades ou artes) e ‘Maicnia’ (mozo guerreiro). Ningún destes epítetos permite esclarecer se Lug se refire principalmente a un deus do sol ou do xuramento, mais é evidente que se lle atribuían moitas funcións e poderes.
Unha das principais dificultades para identificar o Lug celto-irlandés ó que se consagra o Lugnasad coas divindades continentais de grafía semellante é que nas inscricións hispanas (como nas galas) predomina a forma plural (en Celtiberia: ‘LVGOVIBVS’ nun altar de Osma, Soria; ‘LUGOBOO[S]’ e ‘LVGVEI’ en Peñalba de Villastar, Teruel), co engadido de que nas inscricións galaico-lucenses ‒coa excepción do ‘LVGVBVS’ atopado nas escavacións da Rúa Ribadeo de Lugo‒ predomina a raíz Luc-: ‘LVCVBO’ (San Martín de Liñarán, Sober); ‘LVCVBV’ (Sinoga, Outeiro de Rei); ‘[LVCV?]BV’ (Castillós, Pantón); ‘LVCOBO’ e ‘LVCOVI[S]’ (nun recinto cultual en Lugo). A maioría das inscricións con esta raíz descubertas en Europa atópanse no antigo convento Lucense, mentres que no convento Bracarense e na Lusitania son outras as principais divindades (de nome Indoeuropeo mais non celta: Bandua, Reue e Nabia, das cales tamén se atoparon evidencias no territorio lucense).
Por outra banda, os antigos pobos astures dos lougei e luggoni (que deron nome ós actuais Lugones e Lugo de Llanera) poderían estar relacionados co culto a este deus na rexión. Sen embargo, descoñecemos en que consistía este culto nin sabemos se tiña un carácter local ou, pola contra, fora importado das Galias a través da Celtiberia. Tense suxerido o seu posible parentesco coas Lucarias romanas nas que, de modo semellante ao Lugnasad (e case nas mesmas datas, a finais de Xullo) abríase un claro no bosque. Martiño de Dumio (‘De correctione rusticorum’ §16) reprendía ós galaicos da súa época por volver a celebracións pagás consistentes en «acender candeas a carón das pedras e dos árbores, das fontes e das encrucilladas», «adornar as mesas, poñer coroas de loureiro», «observar a adiviñación e os presaxios», así como «botar alimentos e viño ó lume» e festexar as Vulcanais e as Calendas. É posible que algunha destas prácticas tivese relación co antigo culto ó deus (deuses máis ben) Luc-/Lug-, mais polo de agora carecemos de achados concluíntes.
Algunhas referencias sobre o tema:
Blázquez Martínez, J.M. (1970), “Las religiones indígenas del área noroeste de la Península Ibérica en relación con Roma”, en Legio VII Gemina, León, pp. 63-77-Tovar, A. (1981), “El dios céltico Lugu en España”, en La religión romana en Hispania, Madrid, Ministerio de Cultura, 279-282.-Maier, B (1996), “Is Lug to be identified with Mercury (“Bell.Gall.” VI 17, 1)? New Suggestions on an Old Problem”, en Ériu, 47, pp. 127-135.-Sagredo, L. & Hernández Guerra (1996), “Los testimonios epigráficos de Lvg en Hispania”, en Memorias de historia antigua, Nº17, 179-202.-García Quintela & Santos Estévez & Brañas Abad (2003), “Lucus, Lugdunum, lucaria, Lugnasad, Augusto, Lug y Santiago”, en Santuarios de la Galicia céltica. Arqueología del paisaje y religiones comparadas en la edad del hierro, Abada editores.-Olivares Pedreño, J.C. (2010), “Los ástures del conventus Lucensis y el culto al dios Lug en el noroeste de Hispania”, en Dialogues d’histoire ancienne 36/2, 117-136.-García Quintela, M.M. (2011), « El mito de fundación de Lugdunum: ensayo de lectura estructural », en A. MEURANT [Éd.], Routes et parcours mythiques : des textes á rarchéologie Actes du Septiénte colloque international d’anthropologie du monde indo-européen et de mythologie comparée (Louvain-la-Neuw, 19-21 mars 2009), Bruxelles, 2011, p. 115-138.-Blázquez Martínez, J.M. (2010), “Teónimos Hispanos. Addenda y corrigenda VII”, en Paleohispánica 10, 503-523.-Freán Campo, A. (2018), Persistencia y evolución de la religiosidad y las mentalidades del Noroeste peninsular desde la Edad del Hierro a la Tardoantigüedad. Tesis Doctoral, USC.