Protagonistas

Pobo galaico (galaicorromano)

Habitantes da provincia romana de Gallaecia. A chegada dos suevos supuxo unha reorganización das súas redes de poder a nivel xerárquico e territorial pero mantendo as formas de asentamento tradicionais. O priscilianismo estivo moi arraigado en todas as clases sociais. mesmo parte do clero, pero con especial énfase naquelas zonas rurais pouco romanizadas onde o paganismo persistía. A nova organización eclesiástica resultante da loita contra a herexía e a nova administración política sueva dará lugar ao primeiro reino cristiá medieval de Europa.

Bispo galaico

Máxima autoridade eclesiástica na Galicia sueva. Cada bispo ten a súa sé episcopal subordinada ao seu bispo metropolitano correspondente. Administran un territorio fixo e ben delimitado a través das súas igrexas dependentes, ampliadas coa posta en funcionamento de lugares de culto abandonados ou restaurados, que visitan periodicamente para comprobar a correcta administración dos sacramen-tos. Destas igrexas depende a capacidade e alcance do seu poder social, político e económico. Reú-nense en concilios para discutir asuntos relacionados coa doutrina e dogmas co obxectivo principal de afirmar a ortodoxia católica e loitar contra a herexía priscilianista e as prácticas pagás que perma-necían arraigadas na sociedade galaicorromana.

Pobo britano (celtas-británicos)

BRETONES

Poboación autóctona de Britania cristianizada durante a administración romana da illa a pesar de seren vistos como os máis bárbaros de todos os romanos occidentais. Foxen de Britania trala caída do Imperio Romano de Occidente que deixou a illa indefensa perante as invasións anglosaxoas. Emigran en sucesivas vagas pola costa atlántica e chegan á Gallaecia entre finais do século V-principios VI d.C., dispersándose por todo o reino suevo, mantendo os seus costumes e organizándose en torno ao mosteiro Máximo. Cabe a posibilidade de que non foran asentamentos pacíficos senón invasores violentos ou mercenarios contratados pola poboación local.

MAELOC Bispo britón

Abade-bispo e máxima autoridade eclesiástica (posiblemente tamén política) da diocese britoniense. O seu nome, inequivocamente celta, é o primeiro en aparecer nos rexistros como bispo de Britonia descoñecendo se houbo bispos anteriores. Chega ao norte de Gallaecia no século VI d.C. á rexión comprendida entre Asturias e as vilas de Mondoñedo e A Pastoriza, cun continxente de emigrantes celto- británicos que fuxían das invasións anglosaxoas. A diferencia doutros bispados galaicos, era responsable dun bispado étnico que incluía a todos os celtas-británicos espallados polo reino suevo. É dicir, a súa autoridade estaba ben definida nun territorio, a rexións mindoniense, e nunha sé, o mosteiro Máximo, pero tamén era itinerante abranguendo todos aqueles territorios e dioceses do reino suevo onde houbera asentamentos britóns.

CHAMOSO

A conservación e divulgación do patrimonio cultural galego durante gran parte do século XX non se entende sen a figura do escritor e historiador da arte Manuel Chamoso Lamas (A Habana, 1909 – A Coruña,1985).

Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, institución que conserva a súa extensa colec-ción fotográfica e membro da Real Academia Galega, dedicou toda a súa vida ao estudo e protec-ción do patrimonio cultural galego desde o seu posto como Comisario de la I Zona de Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico. O seu intenso labor investigador deixa as súas pegadas en moitos puntos da xeografía galega como Santa María de Augas Santas en Allariz ou o Castro de Viladonga, xacemento senlleiro da Idade de Ferro galega. Non obstante tiña unha especial predilección polas necrópoles como as de Santa Eulalia de Tines en Vimianzo, San Xiao de Moraime en Muxía ou San Bartolomé de Rebordáns en Tui, lugares que consideraba máis valiosos para o coñecemento das so-ciedades humanas pasadas e presentes.

É en Santiago de Compostela onde vemos a confluencia do seu traballo investigador e museolóxico fundando o Museo das Peregrinacións e dirixindo as escavacións no subsolo da catedral que saca-rían á luz as dúas primeiras igrexas do sepulcro apostólico así como o enterramento e lauda sepulcral de Teodomiro, bispo que recoñeceu o tumba do apóstolo Santiago.

En Bretoña, Chamoso Lamas coñecía os topónimos Casa do Bispo e O Bispado e a importancia que os emigrantes britanos tiñan para coñecermos a Alta Idade Media, escasamente documentada en Galicia. As escavacións realizadas en 1970 e 1971 na igrexa de Santa María descubriron uns muros que pechan as dependencias do que podería ser un palacio e unha ampla construción semicircular de lousa, con dúas tumbas de orixe visigótica no seu interior, que Chamoso identifica como a ábsida da catedral de Maeloc, abade-bispo da Sé britoniense.