Un dos aspectos máis rechamantes da II Idade do Ferro na Provincia de Lugo e o interior da Provincia da Coruña é, a diferenza da zona bracarense, o contraste entre os febles vestixios das vivendas castrexas e a riquísima ourivaría desenvolta polos seus habitantes. De feito, trátase da zona coa maior concentración de pezas de ouro do período de todo o noroeste. En numerosos castros nos que a meirande parte das estruturas están feitas con materiais perecedoiros apareceron finas arracadas e suntuosos torques de ouro: así nos de Espiñaredo (As Pontes), Espasante (Ortigueira), no nivel prerromano de Viladonga (Castro de Rei), Chao de Castro (Burela), etc. ‒a arracada de Bretoña tamén podería adscribirse a un nivel prerromano do castro que xace baixo a actual vila‒. A diferenza dos elaborados espazos domésticos do suroeste galaico, a ostentación simbólica e a riqueza no territorio mindoniense cifraríase en bens transportables como as xoias e os rabaños (de xeito semellante ó que sucedía cos heroes homéricos). Estas diferenzas rexionais aprécianse tamén na ausencia das estatuas de «guerreiros galaicos» que se colocaban á entrada dos castros: todos os exemplares atopados caen dentro do convento bracarense. Sen embargo, nalgunhas das entradas dos castros norteños apareceron pedras e xoias que puideron ter unha función votiva e apotropaica (así no castro de Elviña).
A arracada de Bretoña
Unha arracada é un aro de metal utilizado como pendente pero, a diferencia destes, leva un adorno ou ornamento colgante. A arracada de Bretoña foi atopada por uns veciños da localidade no derrube dunha casa lindeira ás defensas exteriores do castro de Bretoña e entregada a Manuel Chamoso Lamas durante a campaña de escavación de 19070-1971 quen un ano despois depositaríaa no Museo Provincial de Lugo. Esta arracada de ouro é de forma penanular, obtida pola unión de varias laminiñas que se soldan polos dorsos. Dun só corpo pechado cun eixe horizontal de 2 ́95 cm. e outro vertical de 2 ́5 cm., o ancho dos dorsos é de 0 ́75 cm. Decorada polas súas dúas caras principais a base de nove pares de funiculares concéntricos aos bordos; o dorso convexo tamén está decorado cunha especie de cinta de ornamentación simétrica conseguida coa axuda de fíos unidos entre si de distintas maneiras (en serra, lisos e funiculares torcidos). Este adorno de orella suxeitaríase por un sistema de suspensión por pinza mediante dous pivotes afrontados, soldados polos extremos opostos nas paredes do corredor con grande cantidade de pequenas esférulas que permiten o xogo necesario para introducir o lóbulo da orella, non sendo precisa a perforación, posto que o seu peso é escaso, 7 ́11 g. Este tipo de arracada inclúese no morfotipo IA de Bieito Pérez Outeiriño, caracterizado por non ter parte distal e presentar a parte medial en forma “arriñonada” e a parte proximal pouco desenvolta. Este tipo de xoia áurea, posiblemente adobío feminino, demostra a gran destreza e calidade que acadaron os ourives galaicos, xa que puideron chegar a combinar a exquisita tradición metalúrxica autóctona coas innovacións alleas procedentes do mundo mediterráneo. Esta peza encadraríase como pertencente á Cultura Castrexa, e xunto coas arracadas de Burela, de Recouso e as de Masma amósase nunha vitrina da Sala do Tesouro do Museo Provincial de Lugo.