Trala conquista romana, moitos dos antigos castros seguiron habitados ou experimentaron novos usos. No Norte lucense atopáronse claras evidencias de ocupación romana -chegando a época sueva nalgúns casos- nos castros de Viladonga (Castro de Rei), Saa (A Pastoriza), San Cosme de Piñeiro ( A Pastoriza), Bretoña (A Pastoriza), Zoñán (Mondoñedo), Fazouro (Foz), Punta do Castro (Barreiros), A Devesa (Ribadeo) e Piñeira (Ribadeo), localizados a diferente altura dunha vía que, cabe imaxinar, conectaba a cidade de Lugo coa Mariña, e da que hai constancia en época medieval (Ferreira Priegue, 1988: 250). O territorio entre o Eo e o Navia, que entón formaba parte do conventus lucensis e estaba comunicado coa capital, é unha das zonas con máis densidade de xacementos de época romana, destacando os castros de Coaña, pendía e Mohías; polo occidente do territorio mindoniense, con trazas de romanización cabería citar o castro de Punta dos Prados, en Ortigueira, pero hai outros moitos castros por escavar que tamén puideron ter actividade nesta época.
Ao marxe dos castros, e ao igual que fixeran noutras partes do Imperio, os romanos importaron novos tipos de asentamento que, enfunción do seu tamaño e tipoloxía, poden clasificarse en cinco grupos: ciudades, vicus, villae, campamentos militares e aldeas abertas (as máis difíciles de localizar). É evidente que no noso territorio os romanos non fundaron ningunha cidade. De campamentos militares solo hai indicios dun na costa de Foz; ao sur atopábanse os de Cidadela (Sobrado), Lucus Augusti e Monte de Ventín (en Pol); e, ao leste, os varios rexistrados entre o Eo e o Navia. Do que si hai abundantes xacementos é de villae romanas: Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Centroña (Pontedeume), Noville (Mugardos), Bares (Mañón), Area (Viveiro), Esteiro (Ribadeo), O Campión (Burela), Coaña (Asturias), Chao Samartín (Asturias), etc. Ademais, Emilio Ramil González ten suxerido que Bretoña fose de feito un vicus romano en orixe, o que podería explicar a súa constitución en bispado, pero aínda queda moito por escavar para poder asentar esta hipótese.
Por outra banda, a pegada romana déixase ver en outro tipo de asentamentos (algún aínda por definir, como o de San Xia de Trebo, en Cariño), particularmente os que servían á explotación de recursos, tales como as industrias de salazón (Area, Bares, Espasante…), ou as minas de ouro. Neste senso, cabe a posibilidade, ainda non investigada arqueolóxicamente, de que Bretoña se asentase preto dun xacemento aurífero, pos así o suxire o microtopónimo “Auruxeira” que ainda actualmente se aplica a un couto inmediato á vila.