Bretoña na Idade Media

Evolución histórica de Santa María de Bretoña. Período antigo e medieval

Antigüidade:

O primeiro poboado de Bretoña agóchase debaixo do chan urbanizado. Trátase dun asentamento castrexo da Idade do Ferro (séculos IV-I a.C.) que logo foi romanizado (séculos I-IV d.C.). Aínda que apenas puido ser escavado, nas sucesivas intervencións de José Villa-Amil y Castro (1866), Manuel Chamoso Lamas (1970) e Emilio Ramil González (2015), atopáronse cerámicas e unha arracada de época castrexa, así como moedas e elementos construtivos de época romana. Coa conversión do imperio ó cristianismo, no interior do castro construiríase un templo que puido servir de centro á diocese britoniense de época sueva e goda (s. V-VII).

Alta Idade Media:

Trala súa presunta destrución polos árabes no século VIII, da que falan algunhas crónicas, tería lugar a repoboación da rexión pola monarquía ástur-galaica. No século IX, coa presura de Portucale por Vímara Pérez, o bispado de Dumio trasladouse a San Martiño de Mindunieto en Foz, onde comezaría a construír unha catedral cuxos prelados máis famosos foron San Rosendo e San Gonzalo. Paralelamente, o Conde Osorio fundaría no século X o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, o cal lles disputará a administración relixiosa da zona. A primeira noticia que se ten da vila de Bretoña e a súa Igrexa de Santa María procede precisamente dunha concesión de terras a este mosteiro no ano 1089 («… item alia villa in Britonia, discurrente ad ecclesiam sancte Marie…»).

Idade Media Plena:

Durante o séculos XII e XIII, e quizais a causa desta concesión, existiu un grupo de monxes adscritos a esta igrexa («…Suario monacho, cum filiis ecclesie Sacte Marie de Britonia»; «clericus sancte Marie de Britonia, Nicholaus nomine, cum filiis sancte ecclesia»). Do mesmo xeito que os veciños cistercienses de Lourenzá e Meira, estes monxes conformaron un cenobio rexido pola regula beneditina, a cal se estendera pola rexión a través do Camiño de Santiago. Probablemente foi nos primeiros anos desta congregación cando un tal Pelagio impulsou a construción da igrexa medieval, cuxo remate conmemora a famosa inscrición que se conserva no interior da actual.

Transcricións da Epigrafía de Bretoña por Rioboó y Seixas e José Cornide contidas nas Inscriptiones Hispaniae Christianae. Supplementum de Emil Hübner (1900, p. 67).

Cara o ano 1115, sendo bispo de Mindunieto o principal autor da Historia compostelana, Nuño Alfonso, a diocese trasladouse a Vilamaior do Val de Brea (actual Mondoñedo), seguramente para protexela dos ataques marítimos de viquingos e ingleses. En 1156, o emperador Alfonso VII concedeulle a Mondoñedo o título de cidade e outorgoulle ao seu bispado o señorío dos «cautum Britonie» (Bretoña) e «cautum Sancti Martini» (Mindunieto en Foz), antigas sedes das que se instituía herdeira. Con todo, en 1182, a diocese volveuse a trasladar, esta vez á recentemente fundada Ribadeo, antes de instalarse definitivamente en Mondoñedo no ano 1219.

Mentres tanto, á altura de 1264, o couto de Bretoña desenvolvérase o suficiente como para contar con xuíz («Martinus Petri, iudex in Britonia») e notario («Garsias Petri, notarius de Britonia publicus et iuratus»). En 1288, a administración da freguesía de Bretoña arrendouse ao bispo Álvaro de Mondoñedo, quen construíu nela unha casa para o cabido. É probable que os microtopónimos referentes a «O bispado» que se conservan na parroquia designasen en orixe estas propiedades. Un privilexio outorgado entón polo Rei eximiría do pago de impostos aos «onbres buenos vesinos et moradores et provadores de las figlisias de Bretona et de Reigosa» que habitaban estas dependencias: por ser «caseros et labradores de las erdades del dicho obispo et de su iglesia et cabildo que non eran tenidos de pagar pechos nen tributos nen pedidos nen otras exseiçiones algunas».

Baixa Idade Media:

Nunha visita do bispo de Mondoñedo do ano 1388 infórmase de que en Bretoña había 32 casais para uns 130 habitantes, poboación quizais diminuída pola Peste Negra de 1348. O texto fai referencia á existencia de gando, muíños na Portela e no Naseiro, e cultivos como o pan de centeo, o millo, as fabas e o lino. A maior parte dos nomes dos barrios e localidades actuais existían xa na época: Alvite, Castrillón, Currás, Fitoiro, Foxo, Fontao, Francos, Gemil, La Iglesia, Lugilde, Maciñeria, Mourelle, Outeiro, Precin e Seselle. Entre outros obxectos, a igrexa dispoñía de sendas arcas con libros e ornamentos, e un cáliz de prata e outro de chumbo. Un segundo cáliz de prata doaríao no seu testamento de 1505 Alonso de San Pedro, entón residente en Zamora. Tamén polo seu testamento sabemos que o famoso Mariscal Pardo de Cela posuía en 1483 a «oytaba parte de Santa María de Bretonna», a cal lle desembargou a Fernando Valeo antes de morrer.