A adición de estaño ó cobre para obter pezas de bronce dará nome a este novo período tecnolóxico que no Noroeste peninsular vai aproximadamente dende o 1.800 ó 800 a.C. (é dicir, dende hai 3.800 a hai 2.800 anos). A gandería do porco, dominante durante o Neolítico, foi substituída pola bovina e seguida da ovella e a cabra, aparecendo neste período a produción de lá (Kristiansen, 2001: 218-9). Xeneralízase o abono e introdúcense arados rudimentarios tipo cambela, cuxo uso perdurou no oriente lucense e occidente asturiano ata o século XX. Tendo en conta o influxo xenético dos pobos pónticos durante o Calcolítico e comezos da Idade do Bronce, é posible que sobre a base máis ou menos homoxénea destas migracións indoeuropeas se desenvolvesen as linguas e culturas peninsulares prerromanas do centro (carpetanos, vacceos, vettones), occidente (lusitanos e galaicos) e norte (astures, cántabros, berones, turmogos e pelendóns). Deste substrato sairían linguas coma o lusitano (a cal os estudos modernos emparentan coas itálicas) e culturas tecnolóxicas como a de Cogotas I (desenvolta no val do Douro dende mediados do II milenio a.C.), enmarcadas nunha sociedade agrícola e transhumante que durante o chamado Bronce Final e a Idade do Ferro desenvolverá unha metalurxia e unhas costumes socio-relixiosas semellantes.
Durante a primeira fase deste período tecnolóxico, o Bronce Antigo (1.800-1.100 a.C.), as comunidades do noroeste, e particularmente as do Norte e interior galego, continúan prácticas megalíticas e calcolíticas, as cales se manifestan na erección de estruturas líticas circulares como as descubertas recentemente na Mariña lucense: o chamado ‘henge’ de Roda (Barreiros), datado en 3.700 anos, e os monumentos similares de Lavandeiras (Xove) e o Prado das Chantas (Valadouro), aínda sen datar.
O número de cistas funerarias megalíticas e pezas específicas do Bronce é bastante exiguo no territorio. A maior parte dos tesouros recuperados en Galicia sitúanse nas costas e vales fluviais occidentais, destacando no Bronce antigo as gargantillas e pulseiras de ouro e as puntas de lanza. Os petroglifos, característicos desta época, tamén son máis abundantes na costa de Pontevedra. Os rexistrados en territorio mindoniense, como o de Vilagondriz, tenden a presentar motivos circulares que, por ser os máis comúns, dificultan a súa datación. Polo demais, en Pena Fita de Adai, preto de Lugo, hai restos dunha curiosa construción tipo «longhouse» que podería inscribirse neste período.