«… Mailoc Britoniorum Ecclesiae Episcopus ss.»
Ó converterse ó catolicismo e abandonar a doutrina arriana, a monarquía sueva permitiu que se volvesen celebrar concilios no seu territorio. O primeiro destes tivo lugar en Braga no ano 561 a instancias do rei Aramiro e o bispo Martiño de Braga co obxectivo de combater a herexía priscilianista. Sen embargo, nas actas deste concilio non se rexistra o nome das igrexas das que procedían os asistentes. Este dato si se inclúe nas actas do Segundo Concilio de Braga, convocado no ano 572 polo rei Miro. Alí, en último lugar aparece a firma do primeiro prelado de Britonia coñecido: «Mailoc, bispo da sede britoniense, subscribo o aquí feito». É posible que este Mailoc e o «Maliosus» que tamén firma en último lugar no I Concilio de Braga sexan a mesma persoa. O feito de que se rexistren nesta última posición suxire que ostentaban unha cátedra recentemente incorporada ó entramado eclesiástico do reino suevo. Debe terse en conta que as actas orixinais destes concilios non se conservan. Chegáronnos a través de diferentes copias manuscritas de entre os séculos IX e XIV espalladas ó longo de Europa. Nalgúns exemplares a grafía do nome é Mayloc ou Mahiloc; mentres que o adxectivo pode variar en britonio, brittanorum, brittinorum ou britoniensis.