A hipótese máis amplamente aceptada na actualidade é que a orixe do bispado britoniense se debeu a unha colonia de britanos que fuxiron das illas británicas ao ser invadidas polos pobos anglosaxóns entre finais do século V e comezos do século VI. Neste periodo é cando se producen as maiores taxas migratorias cara a península armórica, a cal comezará a chamarse ‘pequena Britania’, actual Bretaña francesa, precisamente neste momento. En todo caso, o máis probable é que esta migración tivera lugar despois do período cuberto pola crónica de Idacio, a cal vai ata o ano 461, pois nela non se recolle o evento, a pesar de que si da conta doutras chegadas de estranxeiros por mar, coma a duns piratas xermánicos, os hérulos, que atacaron as costas lucenses nos anos 456 e 459.