Durante este período dáse unha hexemonía da fraga na paisaxe galega, chegando os bosques ó litoral. Paralelamente, o vento fai que as dunas se despracen cara o continente e, nalgúns casos, se deteñan en enseadas: cando o nivel do mar subiu hai uns 7000 anos, nelas se formaron lagoas como a que se conserva en Doniños (Ferrol). Neste contexto posglacial, nun plano tecnolóxico, a vangarda atópase en Oriente Próximo: alí desenvólvese a agricultura e a gandería, aparecen estruturas habitacionais duradeiras e os primeiros complexos megalíticos rituais (como o de Göbekli Tepe). Ademais, hai uns 6500 anos parece que se construíron as primeiras embarcacións a remo, o cal se deduce da colonización dalgunhas illas do Mediterráneo como Creta.
En Galicia trátase dun período aínda mal documentado; sen embargo, posto que a liña costeira estaba máis baixa que na actualidade, é probable que algúns asentamentos da época agarden debaixo do mar. A maior parte dos xacementos localízanse entre Oia e o estuario do Miño, onde se atoparon restos de camboas ou ataxadeiras, cercos construídos na beira do mar nos que quedaban atrapados os peces e os crustáceos ó baixar a marea. Pola súa banda, os xacementos do Norte lucense amosan os momentos finais das sociedades de cazadores-recolectores do interior, ligados ás ocupacións en abrigos rochosos e unha industria microlaminar e xeométrica, onde as comunidades semellan manter os modos de vida desde o Paleolítico superior final baseados na supremacía de recursos cinexéticos e a colleita. Nesta época continuou a ocupación de Xestido (Abadín) e habitouse a galería superior da Cova do Rei Cintolo (Mondoñedo), onde se atoparon restos do Mesolítico macrolítico (hai uns 7.700 anos). A secuenciación do xenoma dos ósos atopados en La Braña (León), amosaron que os habitantes da península ibérica do mesolítico (ou parte deles) mantiñan caracteres africanos como a pel escura ‒na liña da chamada «pastora Elba» da época anterior atopada nas montañas lucenses‒; sen embargo, tamén tiñan ollos claros, característica que parece xeneralizarse entre os europeos antes que o branqueamento da pel.