Se ben boa parte do territorio mindoniense levantouse durante as friccións de Pangea hai uns 350 Ma, non será ata hai 220 Ma cando o megacontinente se rompa e comecen a definirse os límites marítimos da Península Ibérica, abríndose o Océano Atlántico polo que máis tarde navegarán os humanos, e sentándose as bases xeolóxicas do que logo será percibido como «finis terrae» en varios puntos do Occidente Europeo ‒máis aló dos cales, pensarán distintos pobos antigos, non habería máis que un Océano infinito que pechaba «perimetralmente» o mundo habitable‒. A comezos do Triásico, o cantábrico ibérico permanecía practicamente pegado á península Armórica (a actual Bretaña francesa), ó sur das futuras Illas Británicas e á Terra Nova norteamericana. A Falla de Vizcaya polo norte e a Falla de Gibraltar polo sur provocarán a individualización da Placa Ibérica, que volverá a quedar somerxida parcialmente durante varios millóns de anos debido á subida do nivel do mar. Esta subida debeuse ao aumento global da temperatura que, acompañada dunha maior humidade, caracterizou a época dos dinosauros e a proliferación de novas especies trala extinción masiva de finais do Pérmico. Paralelamente, boa parte dos ríos peninsulares abríronse camiño ata este novo mar e foron erosionando as súas cuncas fluviais.
Este proceso co que se marca a individuación da Península Ibérica ten no Cabo Ortegal unha testemuña privilexiada, en parte por non estar afectado por ningunha ría. Os seus acantilados, efecto desta ruptura continental e non da erosión mariña, son dos que conservan mellores trazas do proceso de toda a península. Sen embargo, da fauna mesozoica apenas se atoparon restos en Galicia (o xacemento de dinosauros máis próximo está en Asturias), mais é posible que agarde nas fosas subatlánticas. Ademais, dende Estaca de Bares ‒o punto máis setentrional da Península‒ ata Fouciño do Porco, ó longo da costa do Vicedo poden observarse os voos migratorios de varias especies de aves, o principal legado evolutivo deste período, formadas a partir de dinosauros carnívoros bípedes durante o Xurásico superior, e diversificadas en miles de especies que foron substituíndo ós pterosauros e sobrevivirían á extinción masiva dos dinosauros hai uns 66 Ma.
Cabo Ortegal, inundado polo Océano Atlántico trala ruptura de Pangea hai uns 220 millóns de anos