O Neolítico desenvólvese durante o chamado Óptimo Climático do Holoceno, un período máis húmido e cálido có actual que favorecerá a modificación das formas de vida e a difusión por Europa da agricultura e a gandería procedente de Oriente próximo. Nestes séculos, alí tamén aparecerán as primeiras cidades e os primeiros sistemas de escritura (necesarios para a organización de sociedades máis amplas e complexas), os cales aínda tardarán en chegar ó occidente europeo.
Segundo os rexistros policlínicos, as serras setentrionais de Lugo (Xistral, Toxiza, Gañidoira, Monte do Buio, Cordal de Neda) foron das primeiras zonas de Galicia en sufrir a acción das comunidades de pastores neolíticos, quenes na súa procura de pastos para o gando clarexaban os bosques mediante o lume dende comezos do IV milenio a.C. Isto fixo diminuír a extensión das carballeiras e aumentar a das xestas e herbáceas. As primeiras evidencias de agricultura son algo posteriores, de hai 5500-5.000 anos segundo a arqueobotánica de pole de cereal e cariópsides de trigo. Contemporáneos serían os primeiros asentamentos domésticos con depósitos turbosos localizados en zonas baixas. Inmediatamente despois de que as comunidades do noroeste comecen a traballar o campo, a comezos do III milenio a.C (a partir de hai 5.000 anos) empezarán a construír túmulos funerarios en zonas elevadas: as famosas antas, mámoas, medorras, medoñas ou mudias que salpican a paisaxe rural: a primitiva ordenación simbólica do territorio. Os exemplos máis antigos deste megalitismo atópanse en Anatolia e na zona de Israel; no occidente europeo construiranse na Península Armórica e no sur de Portugal e Andalucía un milenio antes de que cheguen a Galicia. Este sistema de enterramento manterase durante máis de 4000 anos e chegará a difundirse por rexións moi distantes coma Corea do Sur ou Senegal. Entre os conxuntos máis acabados ‒dunhas dimensións que prefiguran os cigurats mesopotámicos e as pirámides exipcias‒ está o de Newgrange en Irlanda. En Galicia non acadarán a súa factura máis desenvolta ata o Calcolítico. Catalogáronse entre 5.000 e 10.000 xacementos (no concello da Pastoriza consérvase o Dólmen de Mazoy) e calcúlase que albergaban entre 5 e 40 corpos segundo tipoloxías. A cerámica era sinxela, con impresións de tipo boquique, e os menhires escasos.
Polo demais, aínda que non se pode confirma-la súa antigüidade neolítica, entre As Pontes e a costa de Ortigueira discorre ó longo da Serra da Faladoira o «Camiño dos Arrieiros», un percorrido que transita entre túmulos coma os de Forno dos Mouros ‒un dos máis grandes e antigos do noroeste‒ ata chegar a Estaca de Bares. Polo demais, no territorio mindoniense calcúlase unha densidade de máis de 1,5 mámoas por km2, das cales unha alta porcentaxe localízanse preto de camiños naturais que puideron ser empregados polos poboadores da época. A ruta dos Arrieiros, ao longo da cal pódense apreciar numerosos exemplares destes túmulos, pretende recuperar o que puido ser un deles.