O Paleozoico medio subdivídese nos periodos xeolóxicos Ordovícico, Silúrico e Devónico, nomes das antigas tribus britonas que habitaban as rexións estudadas para definilos. Durante o primeiro deste periodos formouse a chamada cuarcita armoricana, a cal debe o seu nome á Península Armórica, a actual Bretaña francesa. Esta cuarcita é moi abundante no macizo ibérico pois cristalizou principalmente no borde do paleocontinente Gondwana no que se situaba gran parte da futura Iberia; se ben o lugar ideal para observala en Galicia é O Courel, tamén atopámola na Serra do Xistral e na Ponte Nova. Pola súa banda, moitas das formacións líticas que afloran na Serra da Capelada (granulitas con granate e clinopiroxeno, ecoglitas, etc.) relaciónanse coa existencia dunha forte actividade volcánica próxima entre hai 490 e 420 millóns de anos. Efectos deste vulcanismo e o contacto entre rexistros autóctonos e alóctonos poden verse na praia de Picón e a Costa Xuncos, así como en rochas volcánicas submarinas na praia de Espasante. Así mesmo, na Illa de San Vicente (Ortigueira) poden apreciarse afloramentos de Ofiolita de Moeche e esquistos verdes de hai 400 millóns de anos. Deste período datan tamén as Capas do Río Eo e os Sinclinais de Rececende e Vilaoudriz (A Ponte Nova). Un pouco posterior é a formación das chamadas Pizarras de Luarca, lousas negras e grises moi abundantes na nosa zona (Capas de Berduceo, Capas de Villamea, etc.), xunto ás cales téñense atopado fósiles de trilobites, graptolitos, moluscos, braquiópdos, algas, etc. Durante o Paleozoico medio os invertebrados diversificáronse nos mares e apareceron as primeiras plantas e fungos na terra. Polo demais, se, como vimos, durante o Proterozoico os días duraban aproximadamente 17 horas, no Paleozoico medio a velocidade de rotación da terra xa diminuíra ata as 21 horas/día. Ó final do Devónico producirase a primeira colisión entre os grandes paleocontinentes da época, Godwana e Laurasia, a cal marcará decisivamente a configuración do noso territorio.
1. Afloramento de ecoglitas de hai más de 400 Ma na Serra da Capelada. Unha das escasas canteiras deste material considerado constituínte do manto e as capas profundas da corteza [Macías Vázquez et al. 2014]; 2. Capas superiores do Río Eo con sinclinal de Vilaoudriz, do Ordovícico [Fonte: IELIG]; 3. Illa de San Vicente, en Ortigueira, onde afloran Ofiolitas de Moeche e esquistos verdes de hai 400 millóns de anos.
Esquema de formación de un complejo ofiolítico (Macías Vázquez et al. 2014) Praia do Picón (Ortigueira), en cuxas rochas se pode apreciar os efectos da actividade volcánica próxima de hai 490-420 millóns de anos (foto Wikipedia)