«… Ad sedem Brittoniorum: Ecclesias que sunt intro Britonnis una cum Monasterio Maxime & Asturias.»
A definitiva integración da monarquía sueva na aristocracia galaicorromana produciuse coa súa conversión ao catolicismo a mediados do s. VI, posiblemente baixo o influxo de Martiño de Braga e durante o reinado de Aramiro. No ano 569, o seu sucesor Teodomiro mandou celebrar un concilio en Lugo no que se debía dar solución a dous problemas: algúns bispos tiñan dioceses demasiado extensas, o que dificultaba que visitasen todas as súas igrexas anualmente; ademais, a existencia dun so metropolitano para toda a Gallaecia, o de Braga, tampouco facilitaba a asistencia aos seus concilios dende as parroquias máis remotas. Por estas razóns determinouse crear unha segunda sede metropolitana en Lugo e erixir novas cátedras episcopais coas súas correspondentes parrochiae: o sínodo bracarense agruparía as sedes de Braga (30 parroquias), Porto (25), Lamego (6), Coimbra (7), Viseu (9), Dumio (1) e Idanha (3); mentres que do sínodo lucense dependerían as de Lugo (4 ou 16), Ourense (10), Astorga (10), Iria (7 ou 17), Tui (17) e Britonia (1+1). Esta reorganización eclesiástica é a que se recolle no presente documento, no que Britonia aparece en último lugar como unha das dioceses recentemente fundadas: «Á sede britoniense [pertencen] as igrexas que hai entre os britóns, xunto co mosteiro Maximi, e [as que están en] Asturias».
A transcripción completa deste manuscrito pódese consultar en 4dc129_1e2248f737f0442eb746acaaeae2d01d.pdf (wixstatic.com)