ITINERARIO A TRAVÉS DA PASTORIZA
En dirección Sur-Norte, entrando pola carreteira de Meira procedente de Lugo e saíndo cara Mondoñedo, suxerimos as seguintes paradas a través do concello da Pastoriza:
- 1. A Ruta das Augas de Fonmiñá: propoñemos comezar este itinerario na lagoa que nutre ao río Miño, preto do seu nacemento no Pedregal de Irimia. Aquí comeza a Ruta das Augas de Fonmiñá, a cal pasa a carón do Castro de Saa e chega á praia fluvial de Baltar.
- 2. O Castro de Saa: Este monumental asentamento de época galaico-romana atópase na parroquia de Baltar, nunha zona chea de vacas e cegoñas pola que serpentea o recén nacido río Miño. Actualmente ten dúas vivendas escavadas e algúns dos obxectos atopados nel están expostos no CIN.
- 3. Bretoña: en dirección Norte a través dunha bucólica paisaxe agraria, tras pasar pola vila da Pastoriza, chegaremos a Santa María de Bretoña: levantada sobre un antigo castro ou vicus romano, aquí está o CIN Bretoña, a igrexa, e un curioso núcleo urbano con todo o imprescindible. A carón discurre un fermoso paseo fluvial.
- 4. A Ruta de Maeloc: É un roteiro de 14,3 km que sale e remata no paseo fluvial de Bretoña. O percorrido pasa polo Campo do Oso, onde se celebra da Rapa das Bestas, e da a volta na Punta Gallada, no Monte Carracedo, un mirador privilexiado da ría de Foz e das terras mindonienses habitadas por mandas de cabalos salvaxes.
- 5. E para finalizar… algo de petiscar. E se queres coincidir con algunha festa, facer outro tipo de actividades ou simplemente alargar a túa estancia, quizáis che interese saber onde quedar a durmir.
Como chegar
Bretoña, parroquia e vila do concello da Pastoriza, pertence á comarca da Terra Chá e está situada a medio camiño entre Lugo e a costa cantábrica (A Mariña). Colinda cos concellos de Mondoñedo, Riotorto, Meira, Abadín, Cospeito, Pol e Castro de Rei. Dependendo dende onde se veña, hai varias maneiras de chegar; aquí indicamos algúns posibles itinerarios dende o Sur (Lugo) e dende o Norte (A Mariña):
- Ruta e fitos desde / ata Lugo: A cidade de Lugo, capital de provincia de orixe romana, atópase a uns 45 km de Bretoña (uns 50 minutos en coche). Nela destacan os seus vestixios romanos (murallas, ponte, termas, villas, Mitreo, etc.), o seu casco histórico, a catedral e o Museo Provincial. No camiño dende Lugo pola carreteira de Meira (N-640), antiga vía rexia, tras entrar no concello de Castro de Rei, o visitante atopará o Castro de Vilandonga, o cal conta cun museo de referencia para a comprensión da época castrexa en Galicia. Continuando pola mesma estrada dará co desvío para entrar no municipio da Pastoriza a través da parroquia de Fonmiñá; pero, antes de introducirse nel, pode continuar brevemente pola nacional e visitar a vila de Meira -erexida arredor dun importante mosteiro benedictino- e achegarse ao lugar de nacemento do río Miño, no pedregal de Irimia.
- Ruta e fitos desde / ata A Mariña: Na rasa cantábrica máis cercana a Bretoña atopamos importantes fitos como a catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz (a 35 km) -a máis antiga de España (século X) na súa estrutura orixinal-, Ribadeo (a 50 km) -onde tamén estivo brevemente a sede mindoniense na Idade Media, e que actualmente destaca pola súa arquitectura indiana- ou a famosa praia das Catedrais (a 40 km). Ao introducirnos cara o interior atravesando as terras de Barreiros que se mencionan no documento astur máis antigo conservado, o Diploma do Rei Silo (775), o camiño cara Bretoña pasa por Lourenzá, onde atopamos un fermoso mosteiro no que se garda o sepulcro do conde Santo (s. X). Un pouco máis adiante, sumida nun val a uns 20 km de Bretoña, está Mondoñedo, unha das vilas máis fermosas de Galicia: con catedral gótica rematada no ano 1250, foi patria de nacemento ou acollida de ilustres personaxes coma Álvaro Cunqueiro, José Villa-amil y Castro, Pascual Veiga, Nuño Alfonso ou Antonio de Guevara. Dende Mondoñedo, continuando a ruta cara Bretoña, pouco antes de entrar no concello da Pastoriza, atópase a Cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia. Xa na serra que fai fronteira con Bretoña, no Campo do Oso -onde se celebra a Rapa das Bestas- e no monte Carracedo -no que remata a Ruta de Maeloc- conséguense unhas fermosas panorámicas de vales, vacas e cabalos salvaxes que nalgúns cumios alcanzan a ría de Foz e o mar dende onde se partira.